Esta parrafeada vai en xeral, así que non fai falla que ninguén se sinta interpelado en concreto, mais si coma membros dunha caste cuxo aprecio social está a se desenvolver en relación inversa ao engorde patrimonial de varios dos seus exemplares máis mediáticos e sobranceiros. Hai xa moito tempo que, agás loables excepcións, a política perdeu a súa perspectiva orixinaria -a de constituír un esforzo a prol da comunidade, non exento de sacrificios persoais- para mudar non xa nun medio de vida, que tamén, senón nunha infalible fórmula para facer fortuna a velocidades que para si quixer o calvo da Lotería. O proceso foi sinxelo. Abondou con inverter os termos -no canto de poñer o particular ao servizo do público, trátase de poñer o público ao servizo do particular- e explotar o máis escuro da nosa alma colectiva: o aplauso coas orellas a quen espolia o que é de todos baixo o nefasto principio de «eu tamén o faría se me desen a oportunidade». Andan algúns políticos remoendo no caletre, seica para tentar virar unha imaxe tan chunga coma estendida. Non pensen tanto, que a resposta tamén é simple: corran a boinazos os colegas que está a encher o papo e pasen a formar parte da solución, non do problema.