Santa Compaña

X.A. Ochoa

AROUSA

Sabedes que en Con de Noro hai unha braña que dá pasto e caraveleiras moradas que, rematado outubro, aparecen queimadas coma a borralla. Os de Sálvora ían alí á herba nas dornas e sabían moi ben o que pasaba neses días: saían, e saen, ao mundo, como tolas, as quintas da Santa Compaña, como ten contado a neta da Xorda, á que lle gustaba ir á ribeira de noite e, así, salvara tanta xentiña cando petou o Santa Isabel na pedra de Pegar, ou Paghara, como lle din os de alí. Polo da Santa Compaña, no 36, tíñanlle dito a uns do Grove que non fondeasen en Noro para pasar as noites de novembro, que, antes ou despois, non habería pexa ningunha e que da taberna de Muñís levaríanlle sempre o que precisasen, como así foi.

Todo iso estase a confundir dende que Todogrove publicou Salgadoiro de queixo e mozzarella , onde, tan falsamente, afírmase que alí tiña laño Porviso. Non é certo. Porviso anda por Con Negro, bota alí as noites ás raxeiras da lúa, estricado no con e esa é a causa de estar a pedra por riba da mesma cor ca el; é no Pombeiro, con fonte e braña, onde ten laño para o día, con tres saídas, non vaia a ser. Pois iso; a Compaña chega de nova ao mundo por Con de Noro; dende alí pincha ao Castriño, saúda ao bispo que hai no cuberto do Alto e baixa ao Xeixeliño, enfronte de Ons. A partir de aquí, xa non todos din o mesmo.

Uns falan de que a Compaña escoltada por Porviso, que en terra toma a substancia de rato e no mar de congro, entra polo Castelo dos Mouros para percorrer as setenta e oito casas de Ons. Outros din que non, que Porviso sempre é congro, envía enteira a Santa Compaña na Redonda da Barrosa, chímpaa no Burato do Inferno e sácaa da illa polo Centulo. Cóntase en Ons que dunha volta Porviso engretou no Burato do Inferno, escoitáreno tres meses de inverno a ouvear pero non puideron acudilo polo medo; canto máis tempo ouveaba, máis zoaba o vento. A Compaña quedou cen días pechada na illa e xa sabedes que sen ela ceiba a Natureza tolea. Menos mal que, á fin, o congro zafou.