A grande diferenza

AROUSA

Agora que sobre a Vilagarcía municipal caen chuzos de punta aparecen algúns que aproveitan a ocasión para meter todo o mundo no mesmo saco. Nada máis inxusto. Por moitos erros que se teñan cometido, hai una grande diferenza entre os comportamentos políticos que se dan na capital arousá e as formas e fondos que adornan a gobernantes veciños e non moi distantes. Non fai falla deixar os folgos andando para atopar individuos que pilotan os seus concellos coma fincas das que son señores aos que ninguén lles tuse. Hai xentes neste negocio que pensan que cada un dos votos que acadan constitúen outras tantas autorizacións asinadas pola cidadanía para facer canto lles pete sen dar explicacións de nada. Aquí, en troques, existe unha tradición de moitos anos que establece non tanto unha transparencia efectiva -eiva dificilmente resoluble que hai que pelexar a diario con calquera tipo de goberno- coma unha obriga ética de respostar polo que un fai, aínda que sexa para trabucarse. Non é o único lugar no que isto sucede, pero si é certo que funciona tanto para quen ostenta o bastón de mando como para quen milita na oposición. Nisto Vilagarcía está á altura, mesmo por riba, de calquera cidade.