Presentan dez ofertas ao proceso de licitación do proxecto do Estado para o conxunto das Torres de Oeste
AROUSA
O Concello de Catoira pechou onte o prazo de presentación de ofertas ao proceso de licitación da nova intervención no conxunto arqueolóxico das Torres de Oeste. Unha obra impulsada grazas á parte do 1 por cento cultural do Ministerio de Fomento que lle corresponde á localidade vikinga polas obras do novo trazado do AVE no termo municipal. Finalmente, foron dez as empresas que optan ao xugoso proxecto, cun orzamento de partida de 1.810.689,66 euros, susceptible de rebaixa en función das melloras que poidan presentar as firmas participantes. Delas, tres presentáronse a través de correo, polo que o Concello agardará dez días pola súa recepción antes de proceder a fixar a data de apertura de plicas e a correspondente adxudicación das obras. A nova intervención no conxunto histórico-artístico das Torres de Oeste será sufragada nun 75 por cento polo Ministerio de Fomento, conseguindo o goberno local catoirense que do 25 por cento restante que lle correspondía cubrir, a Consellería de Cultura asuma case a metade. Concretamente, un 11,55 por cento do total. Cun prazo de execución de 25 meses, as obras deberían de comezar nos primeiros compases do vindeiro ano a tenor do grande interese que nelas ten o alcalde de Catoira, Alberto García, e o seu grupo municipal. As actuacións previstas pretenden mellorar o coñecemento da zona arqueolóxica e a súa visualización como recurso turístico de primeiro nivel. Con tal fin, a futura intervención prevé entre outras cuestións a construcción dun pequeno edificio para a ubicación dun centro de activación do patrimonio histórico e cultural, a instalación dun novo escenario, desmontable, para os actos culturais da Romaría Vikinga, novas escavacións arqueolóxicas ou a recuperación de dous treitos da antiga muralla.