Cando neno, Manolo dáballe couces alí a unha pelota entre pozas e silveiras. Ao rematar a pachanga os compinches botaban un pitillo mal enleado recollidos por baixo dunha acacia negra que no inverno paraba a choiva e no verán freaba o sol. Co tempo, as hortas foron deixando paso a tímidas construcións, que aos poucos perderon timidez para converterse en bloques de vivendas. De galpón a tremendo edificio a golpe de talón e recualificación urbanística. O noso home tamén mudara. Trocara o balón pola ferramenta para gañar a vida como albanel. Aínda de cando en vez, ao caer o día, botaba o pito naquela rúa traseira. Iso non cambiara. Tampouco a acacia. Mesmo houbo quen instalou de par dela un banquiño. Ao cabo construíuse unha residencia e Manolo acabou dentro. Habitación e pensión por unha pasta que os fillos axudaban a cotizar. Ao redor medraban cutres paredes medianeiras forradas de uralita. Na sobremesa, Manolo aproveitaba os poucos despistes dos coidadores para seguir fumeando entre carraxes no seu recuncho vexetal. A árbore caeu primeiro. Tirárona para erguer un valo metálico. Manolo seguiulle ao nicho. Ferro e cemento por toda lembranza. Made in Vilagarcía.