O Valle-Inclán máis íntimo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Expertos na figura do escritor vilanovés comezaron onte a desgranar aspectos da súa biografía máis aló da literatura

28 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A figura dun xenio coma Valle-Inclán dá para interminables horas de debate e de discusión sobre múltiples facetas. Por iso, as edicións da Semana da Cultura de Vilanova de Arosa vanse sucedendo, pero os argumentos arredor do gran escritor non se esgotan. O congreso que un ano máis organiza a Fundación que vela polo legado de Valle-Inclán abríu onte as súas portas na Casa do Pescador da localidade arousá co perfil biográfico do creador no punto de mira. Un perfil máis aló da súa actividade literaria.

Antonio Deaño Gamallo, profesor de literatura e gañador do Premio Valle-Inclán 2009, iniciou a primeira hora da mañá as sesións do congreso ca charla Valle-Inclán y Josefina Blanco a través de sus cartas . A través de 34 cartas inéditas entre o escritor e a que foi a súa muller e nai dos seus seis fillos, Deaño descubríu como a relación tormentosa entre ambos arrincaba xa na súa etapa de mozos. No intercambio epistolar aprézase tamén a difícil situación económica familiar que atravesaron por épocas, e que remataría co divorcio do literato e a notable actriz, cuxos restos repousan no cemiterio de Cambados.

O escritor e xefe de gabinete de prensa da Deputación de Pontevedra, Martín Fernández Vizoso, tomou o relevo de Deaño para departir sobre Valle-Inclán y Cuba. Presencia en la prensa emigrante . Na conferencia o público asistente seguíu o vilanovés ilustre na súa marcha con 23 anos á emigración a México, forzado pola súa delicada situación económica e a morte do seu pai. Un billete de terceira clase e unha carta de recomendación foron o seu punto de partida cara América, nunha etapa na que tamén coñeceu a Cuba das primeiras décadas do Século XX, e durante a que colaborou con xornais coma Diario de Galicia, Eco de Galicia, Revista Cultural Gallega e Alma Gallega.

A última charla da primeira xornada do congreso vilanovés correu a cargo de Rubén Rodríguez Elizalde. O seu título, Valle-Inclán: genial bohemio y manco . Tras este título agochábase unha sucesión de anécdotas da época madrileña do creador do esperpento. A das tertulias de artistas e demais creadores na que o arousán entablou relación con homes coma Pío Baroja, Unamuno ou o pintor Zuloaga. Como non podía ser doutro xeito, Rodríguez Elizalde trouxo á memoria un dos episodios clave da biografía de Valle-Inclán, o do encontro violento con Manuel Bueno, no que perdeu o brazo dereito tras recibir un golpe de bastón deste último, tamén escritor.

A xornada de onte pechouse na Casa do Pescador cunha mesa redonda sobre os antergos do literato vilanovés, coa presenza do xornalista Benito Leiro, do patrono da Fundación Valle-Inclán Ponte Far, e do membro da Asociación Amigos de Valle Paco Charlín. As charlas Portugal en el pensamiento artístico, político y cultural de Valle-Inclán , e Valle-Inclán, sus entrevistas inéditas , pechan esta mañá o congreso.