Sexa como for, no ano 1866 comeza o proceso oficial de derrubo e aproveitamento dos materiais que quedaban do convento rematando nunha nova subhasta do solar resultante. Este proceso iníciase baixo a alcaldía de José Padín Torrado, pero non se concretaría ate o ano 1869, sendo xa José González Briones o alcalde. Sae a subhasta o 8 de xuño «el solar que ocupa el exconvento de San Francisco, denominado Eiral (27 areas)? limitando al norte con la Iglesia, al sur con el camino que pasa a Los Pazos, este con muro que divide con la huerta propiedad de los herederos de Lorenzo Fraga? por 228 escudos 800 milésimas». Un dos fillos de Lorenzo, o avogado Eugenio Fraga Mascato, gañaría a subhasta por 1000 escudos. Dito persoeiro chegará a ser deputado provincial, presidente da Deputación e deputado en Cortes. Na década de 1880 pertencen xa ditos terreos a un irmán seu, José María Fraga Furruxe . Sería el quen construiría a vivenda que hoxe, restaurada, acolle a biblioteca municipal seguindo o modelo predominante nas residencias burguesas finiseculares. Dende o ultimo terzo da pasada centuria foise urbanizando a antiga horta do convento, aparecendo novas rúas -Eduardo Pondal-, reducíndose así a antiga propiedade. Esta vai permanecer inalterada dende as últimas décadas do século XX. Finalmente o Concello de Cambados compraríalla aos herdeiros de José Fraga no ano 2004 por 400.000 euros.