A Primeira Nacional de rugbi arrinca esta fin de semana cos Ingleses figurando finalmente na nómina de equipos do Grupo A. O cadro vilagarcián, que a piques estivo de saír a competir na Primeira Autonómica polas súas dificultades para reunir o diñeiro preciso, estréase esta tarde na Liga, no estadio de Fontecarmoa cun vello coñecido, o Coreti Lalín (17.30 horas) .
Raúl Varela é un ano máis o adestrador dos Ingleses. Un conxunto que parte, explicaba onte o propio técnico, co único obxectivo de «disfrutar de la competición. No nos marcamos metas clasificatorias».
Dito isto, Varela entende que «con la plantilla que tenemos podemos dar un nivel muy alto, y ganarle a cualquiera». É dicir, continuar na liña das dúas últimas tempadas, nas que o cadro arousán gañou unha Liga, a 2008/09, e foi terceiro a só 2 puntos do CRAT e do Belenos (2009/10). Claro que para estar arriba «necesitamos que no haya lesiones y que no nos falle la gente» nos adestramentos.
«Entre lo que perdimos y lo que llegó, podemos hablar de continuidad», sostén Raúl Varela á hora de referirse á confección do plantel. Seis foron as baixas, na súa maioría fixos ou habituais no quince titular: Adrián, que marchou ao Universidade de Vigo de División de Honra B, Juan e Marcos, emigrados a Alemaña e os Estados Unidos, e Vaca, Guillermo e Marcos García, retirados. No polo oposto, chegaron Pablo Barreiro, Suso Miguéns, Finucho e Marcos Rodríguez. Os tres primeiros antigos xogadores dos Ingleses que regresan ao rugbi de competición, e o último, procedente do equipo seven do club, no que se iniciou a tempada pasada procedente do mundo do baloncesto.
Deixando para mellor ocasión o plan inicial de rexuvenecemento do primeiro plantel con rapaces da canteira, Os Ingleses inicia a competición regular con 21 efectivos. Na dianteira conta con Roberto, Lema, Gamba, Labra, Finucho, Marcos, Pablo, Losada, Chamy, Viris e con Marcial. E nos tres cuartos con Jairo, Joaquín, Cachopo, Alejo, Antón, Albariño, Breixo, Moro, Suso e con Lipi.
Sobre a mesma base de xogo dos últimos anos, Raúl Varela confía en superar hoxe a un Coreti Lalín que estaría en proceso de renovación. Mais o técnico dos Ingleses conta con atoparse co mesmo rival aguerrido de sempre, que «si te descuidas te gana el partido».
Ademais da condición do opoñente, Varela conta hoxe co problema das dúas importantes baixas no seu quince, co seu capitán e media melé, Jairo, ausente por lesión, e Roberto baixa na primeira liña por asuntos propios.