Case un milleiro de vilagarciáns participarán este curso no programa de actividades da Fundación de Deportes
AROUSA
A tempada 2010/11 vén de arrincar non só para os clubs e deportistas. Tamén para os cidadáns de Vilagarcía que gustan de practicar actividade física non competitiva. A Fundación de Deportes da capital arousá contabiliza xa case un milleiro de persoas inscritas na súa programación para o novo curso, cuxas clases comezarán o vindeiro luns, 4 de outubro. Unha cantidade que aínda podería medrar, ao manterse aberto o prazo para participar nunha ou varias das propostas municipais.
Fiel á súa filosofía, a Fundación de Deportes de Vilagarcía oferta actividades para todas as idades. Para os nenos nacidos no 2005 e no 2006 clases de psicomotricidade, con 83 inscritos. Para os rapaces de seis a oito anos haberá multideporte, con 170 anotados, e para os de entre nove e quince anos ata quince modalidades diferentes nas escolas deportivas de base, puidendo participar nun máximo de dúas. Os matriculados rondan os 200. O custe é de 12 euros por cada actividade.
Para os maiores de 14 anos, a Fundación oferta ximnasia de mantemento, ximnasia acuática, aeróbic, bádminton, tai-chi, ioga e esgrima. O número de participantes apuntados é de medio milleiro, elevándose a cantidade ata os 837 inscritos ao haber xente que se apunta a máis dunha actividade, de carácter trimestral e cun custe de 18 euros.
As propostas da Fundación para os maiores de 14 anos contan con horario de mañá e de tarde, agás a esgrima e o tai-chi, que só se oferta no serán. As clases serán dunha hora, entre as nove e as once da mañá, ou a partir das oito da tarde, cun día á semana para a ximnasia acuática e a esgrima, tres para a ximnasia de mantemento, e dous para o resto.
A Fundación convocou para hoxe á tarde, a partir das sete no auditorio municipal, os pais dos alumnos de psicomotricidade, do multideporte e das escolas deportivas de base para informarlles dos calendarios, dos horarios e dos lugares de realización das actividades.