Unha cita tirada da literatura ou do cine pode contribuír bastante máis a aclarar sesudas e enleadas cuestións ca un cento de revirados razoamentos. Hai quen, durante os últimos cinco anos, ten dedicado os seus mellores esforzos a interpretar que está a suceder no PSOE de Vilagarcía, un partido que goberna a cidade dende 1991 pero semella non ser quen de dar coa fórmula que substitúa, dunha vez por todas, o alcalde que emprendeu e protagonizou case toda esta longa etapa, Javier Gago. Teorías non faltan á hora de pescudar nesta verdadeira faramalla. Algúns ven mans peludas atrás de cada decisión que se adopta na casa do puño e a rosa. Outros anótanse á tese dos ciclos, que indicaría que na cidade toca un relevo cara á dereita logo de tanto tempo. En Cambados, por certo, Tirado, Tourís e Aragunde poden arrolar coa risa escoitando semellante ocorrencia. Eu, modestamente, teño a miña idea. Coido que aló polo 2005, cando Gago debía retirarse e entregar o bastón de mando a Suso Paz, produciuse un erro tipo Mátrix e o relevo non se levou a cabo. O camiño dos socialistas dende aquela é un intento por volver a poñer proa que, polo de agora, devorou xa a León e a Dolores. Veremos se desta vai.