O Arousa presenta os seus catorce equipos esta noite na explanada do auditorio cun espectáculo musical

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

28 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O camiño emprendido pola xestora do Arousa para reflotar o club pasa por acercarse á sociedade vilagarciá para pedirlle a súa colaboración. Nada que ver con tempos recentes nos que se agardaba a que fose a sociedade a que se achegase ás oficinas do club. Con este espírito, os responsables da entidade organizan esta noite, a partir das nove na explanada do auditorio, o tradicional acto de presentación dos equipos federados cos que contará a vindeira tempada o Arousa. Catorce.

Acompañado polo concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, o coordinador da base arousista, Carlos Coira, explicou que a cita, engalanada con varias actuacións musicais, pretende «acercar el Arousa a la gente de Vilagarcía. Porque creemos que este es un club de todos, y que en el momento en el que se encuentra el club necesita de todo el mundo». Ademais, engadíu, «queremos que la gente vea el numeroso grupo de niños con el que trabajamos». O edil, pola súa banda, irmanou o acto co extenso programa de actividades coorganizadas esta noite polo seu departamento no centro.

A presentación comezará ás nove coa saída á palestra dos adestradores e dos xogadores dos catorce planteis. Arrincando polos máis novos, os prebenxamíns, para rematar polo equipo que representará o club na Preferente. A presentación prolongaráse durante unha hora e media, para dar paso á actuación do grupo musical Myths about pandas. Ás 23.45 horas faráse un receso para disfrutar da Noite das Meigas, e ás 00.30 horas Faber e Curtis, djs do programa da Radio Galega Estudio 3, recuperarán a animación musical.

Tamén hoxe, pero entre as 10.30 e as 14 horas, o Arousa instala unha carpa na Praza da Liberdade de Carril para captar máis socios.