O que nos están contando

AROUSA

Creo lembrar que era Shakespeare quen falaba de que estamos feitos da materia dos soños. Sinto discrepar do amigo de Vilanova, por aquilo dos irmanamentos, e postular, en troques, que o que define ao ser humano son os contos. Gústannos os contos. Sabíano ben os romanos, co seu circo e o seu pan para a plebe. Han de sabelo ben os chineses, cando lles atribúen fenomenais relatos que son quen de convencer ao persoal de calquera cousa por inverosímil que pareza. Está reflectido ata nun dos primeiros dicionarios da Real Academia Española, que na entrada de chocho describe un doce que se lle dá aos nenos para que fagan o que non queren. A nós séguennos contando contos que cremos coma pícaros con ollos abertos diante dun lume a medianoite. Péchanse camas porque é verán e, xa se sabe, aos hospitais non vai tanto a xente. Como se a enfermidade ou a morte marchasen a Canarias cun deses voos que ata hai nada financiaba o fenómeno da CEOE. Non se cobren as baixas dos médicos porque as alerxias, a asma, as roturas de ósos e as feridas tamén van de vacacións. Temos a mellor cobertura social do mundo. Vale, colega, pero o pulpo, ou polbo, mellor á feira. Déixame de Paul e xogos de mesa.