A sala Rivas Briones abre unha mostra co mellor da pintura do xenial e multifacético creador galego, que bebe de Vilagarcía
10 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Debeu de chover arreo dende aqueles veráns que Kukas, Marcelino de Santiago Viqueira, vivía en Vilagarcía. Tantos que o polifacético creador ten memoria dunha mítica ponte, que había de ser, por referencias, o peirao de ferro que caeu, como tantas outras cousas, baixo a voracidade dun desenvolvemento mal entendido. O caso é que, el mesmo o confesa, daquelas estadías na capital arousá a Kukas metéuselle nos miolos unha imaxe de Galicia moi alonxada dos tópicos grises e chorosos que tanto abondan por aí fóra e, lamentablemente, tamén por aquí dentro. «A min vénseme á mente aquelas casas das vilas mariñeiras pintadas de cores distintas, unha Galiza de cor e luz», sinalaba onte na sala Antón Rivas Briones un home vencellado con honra ao teatro de monicreques pero que leva con el unha traxectoria plástica moito más longa e ampla. Parte dela poderase ollar na casa da cultura cando menos durante as dúas vindeiras semanas.
A exposición, que bebe fundamentalmente da pintura figurativa, aínda que non faltan algunhas referencias á talla, na que Kukas é un mestre. Con toda a lóxica, posto que un creador de monicreques ten que ser, por definición, un escultor e un enxeñeiro. O técnico de Cultura de Vilagarcía, Xabier Camba, que se encargou de presentar a proposta de par do tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón, lembraba por exemplo as pezas do Mariscal, de medidas reais, capaces de amosar unha expresión facial completa e incrible. Se cadra habería que ir pensando nunha proposición antolóxica, que amose tamén ao público arousán as outras facetas do creador galego. Polo de agora, son estes Mambruños os que habitan os dous andares da Rivas Briones. «Cando cativo -explica Kukas- vivín nunha Galiza gris que o meu maxín convertía nun paraíso cheo de cor... Aquel foi un tempo de cheo de historias, lendas e contos que se contaban nas longas tardes de inverno a carón do lar».
Os mambruños que fan referencia ás vellas caixas de mistos que ían perdendo axiña a vivacidade das súas cores. Unha vivacidade que, dende logo, nunca esvaeceu en Kukas, quen asinou a súa primeira mostra pictórica cando apenas tiña 13 anos. Logo chegarían a fotografía, as artes gráficas, a iluminación de pergameos, a poesía, o teatro, a dirección e mesmo a música como gaiteiro.
Hai, nesta traxectoria tremenda, recoñecida, entre outros, por un premio María Casares, outro momento da lembranza para Vilagarcía. A comezos dos anos 80, coa reivindicación sobre Cortegada sobre a mesa, ameazada a illa polas arelas urbanizadoras dos especuladores, Kukas improvisa un texto para dar vida a cabezudos e monicreques na praza do Castro coa recuperación do espazo carrilexo como motivo e inspiración. E foi.