As irmás Rivas Crespo decidiron o seu futuro, marchando a USA e rachando os tópicos dos anos 40 sobre a muller
12 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Ninguén agardaría que, na Vilagarcía dos anos 40, afogada polo veo negro da involución franquista, dúas mulleres fosen quen de coller as rendas do seu futuro e decidir sobre a súa vida sen ter que render contas a un amo [enténdase home ou marido] masculino. E, porén, Carril ofreceu un exemplo que rachou todos os tópicos. Dous exemplos, mellor dito: as irmás Dora e Josefa Rivas Crespo non agardaron a que ninguén lles marcase o paso e, co respaldo da súa familia, non só cursaron estudos superiores senón que procuraron, ademais, un lugar no que poder desenvolver unha carreira profesional. Neste caso, Estados Unidos.
Josefa estudou Filosofía e Letras en Santiago, doutorouse con cualificación cum laude en Valencia e chegou a editar un libro, Penumbra . Era, explica a súa sobriña Margarita dende Ferrol, «el cerebrito de la familia». Dora escolleu Químicas e, antes de decidiren cruzar o Atlántico, deu clases nun instituto de Chantada. No ano 1946, vendo un panorama atafegante, determinaron procurar o seu destino lonxe da casa. «Hay que pensar que ellas pasaron la guerra de forma muy dura, en Gijón, eran siete de familia y no había que comer», subliña Margarita.
A imaxe que acompaña estas liñas é unha fotografía de Dora, tomada en Austin, a capital do Estado de Texas e sede da súa universidade. Aínda que sobre ela aparece escrito o ano 1979, a súa sobriña coida que o retrato é, en realidade, moi anterior. A aventura norteamericana das dúas irmás carrilexas tampouco foi doada. Para comezar, precisaban un traballo para gañar a residencia. Dora, por exemplo, principiou a súa experiencia laboral dando clases de cociña. Aquilo deu de si algunhas anécdotas, coma a da tortilla xa feita que tivo que rectificar en pleno exame porque esquecera botarlle sal. Nos primeiros anos, os seus pais conseguían enviarlles cartos a través do home dunha veciña de Carril.
Ambas prosperaron e obtiveron a dobre nacionalidade. Josefa casou e divorciouse dúas veces. Finou hai varios anos e a súa familia trouxo de volta as cinzas. Ela, en troques, nunca pensou en volver residir non xa en Galicia, senón nin tan sequera en España. As súas foron visitas puntuais, como as de Dora, que aos seus 91 anos segue vivindo en EE. UU. O seu home, tamén finado, repousa no cemiterio nacional de Arlington, no Estado de Virxinia. É o mesmo camposanto militar, creado logo da Guerra de Secesión, no que está soterrado John F. Kennedy, convertido en mito logo do seu asasinato. «Dos mujeres, con carrera, en aquellos años -razoa Margarita- fueron aventureras y muy valientes».