A folga

Xan Caneda González

AROUSA

29 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As organizacións sindicais CC.OO., CSIF e UGT, SUP, e Asociacións Profesionais da Garda Civil e Militares temos convocada unha Folga nas Administracións Públicas para o día 8 de xuño, como protesta e rexeite contra o recorte dos salarios dos empregados públicos por primeira vez na democracia.

Así mesmo parte da clase política e mediática neoliberal babea de pracer por este tixeirazo, e non nos enganemos non só os empregados públicos senón tamén os pensionistas, parellas fundamentalmente xóvenes e mesmo tamén aqueles empregados da empresa privada que ven como se recorta o dereito a xubilación anticipada e anúncianse máis recortes. Todo isto en base a crise económica que está a sufrir o mundo occidental. Sen embargo nada é máis inxusto que este tixeirazo, porque a crise non a xeramos os traballadores públicos ou privados, nin os pensionistas e moito menos os parados. Creouna a avaricia e a especulación dos mercados financeiros e os tabeiróns que nadan nas súas augas. Eses que mentres a economía real crecía o 4% eles facían crecer a súa a especulativa ao 65%, vendéndonos fume e débedas. Eles xa pasaron o susto e as débedas e os déficits públicos disparáronse para financialos a eles e os seus desastres. Agora imos pagalo os traballadores e pensionistas, iso si no nome da urxente salvación de España. Se invocamos á patria, por favor, para todos. As rendas do capital son mais do 55% da renda nacional e as do traballo, escasamente o 45%. Os empregados públicos non representan nin o 8% desa renda. Por outra parte, cotizamos cada hora de traballo e cada euro gañado.

Iremos á folga por dignidade. É incomprensible o coro de manifestacións, xustificacións e cegueiras múltiples, tamén aproveitamentos cínicos, respecto o acertado deste tixeirazo e o merecido que o temos os batallóns de vagos e desocupados que integramos as administracións públicas. Mellor sería botarnos a todos e privatizar sen miramentos, como di o xefe da patronal privada Díaz Ferrán. E alguén dubida de porcentaxes similares de gandules e piratas no ámbito privado?

Quenes somos os empregados públicos?, mestres e profesores dos nosos fillos e xóvenes, sanitarios que nos atenden e consideramos insuficientes, xuíces e xulgados desbordados, forzas de seguridade das nosas rúas, bombeiros e gardas forestais, asistentes sociais e coidadoras que reclamamos paras os nosos maiores, protección civil e tantos outros servizos necesarios e que utilizamos cada día sen darnos conta.

Porque non é certo que tódolos empregados públicos somos funcionarios, a inmensa maioría somos persoal laboral, polo tanto estamos rexidos pola mesma lexislación que os traballadores das empresas privadas, tamén nos poden despedir pola cara, polo tanto afirmar que temos emprego de por vida é unha falacia, e hai que ter moita cara para intentar enfrontarnos a uns traballadores con outros.

A precariedade nas administracións locais pasa do 60% entre o persoal laboral, empregados que levan 20 e máis anos sen ser fixos, que non teñen vacacións, que traballan 40 horas a semana e máis, que traballan os 7 días da semana, que non cobran antigüidade, con salarios brutos incluídas as pagas extras que apenas pasan dos mil euros, que non cobran horas extras, que están ás ordes do alcalde ou concelleiro de turno e que non se lles ocorra abrir a boca porque van para a casa.

Tampouco é certo que contemos con seguros médicos privados, só unha moi pequena parte conta con ela, e ademais en case tódolos casos a proposta dos políticos de turno, seguro que si se fixera periodismo de investigación, igual encontrabamos que detrás destas empresas médicas hai socios políticos. Tampouco é certo que todos os empregados públicos temos os moscosos -9 días o ano-, hai centos de empregados públicos que non os teñen.

Parche

Porque estas medidas son so un parche ao rebentón das contas públicas, destrozadas polos mercados financeiros. Porque despois de levar máis de 15 con perda de poder adquisitivo ano tras ano, en setembro do 2009 e atendendo a situación de crise, os sindicatos pactamos co goberno do Estado un incremento para o 2010 do 0,3%, que coa suba do IRPF, significou que a inmensa maioría dos empregados públicos cobramos no 2010 menos que no 2009, e dicir, nós tamén xa arrimamos o ombro, xa fomos solidarios, xa axudamos á patria. Pero está claro que os tabeiróns da economía fraudulenta, da economía somerxida, e da especulación non lles chega e queren mais.

Pois non. Non é xusto este tixeirazo e polo tanto claro que iremos á folga. Con orgullo e, sobre todo, con dignidade.