O peche das instalacións en 1992 deixou sen uso 80.000 metros cadrados de chan industrial no casco de Vilagarcía. Concello e Renfe negociaron ata tres veces a súa urbanización, sen éxito
16 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Vilagarcía non foi allea ao reinado do pelotazo urbanístico que a finais do 2007 se desmoronou como os restos do Imperio Romano de Occidente coa entrada dos bárbaros en Roma no ano 476. Foron varias as construcións do xa escaso catálogo de edificacións senlleiras da capital arousá que non puideron resistir o demoledor avance do ladrillo de nova xeración, ese que agromaba coa marca da popularidade postmoderna, vertixinosa no ascenso, pero polo xeral de fráxil fundamento. O reinado do urbanismo micolóxico, no que a nova construción medraba coma cogumelos, resultou nembargante non ser omnipotente en Vilagarcía.
Paradoxos da vida, o desarrollismo ibérico 2.0 era quen de privar a Vilagarcía do seu derradeiro gran cine, o Fantasio, pero non de conseguir recuperar para uso residencial parte dos 80.000 metros cadrados de chan industrial que quedaran sen uso no ano 1992 tras o peche dos talleres de Renfe. Uns terreos dun altísimo rendemento material, pero tamén dun elevado valor na planificación do territorio, ao atoparse nunha das principais zonas da trama urbana da capital arousá, entre Vilagarcía e Carril, fronte á entrada da praia Compostela, mirando á antiga e acertadamente chamada Avenida da Prosperidade.
Propiedade de Renfe, os terreos en cuestión eran vistos pola compañía ferroviaria coma unha excelente oportunidade de facer negocio nunha vila a cuxo tecido industrial non tiña xa ningún interese en contribuír, logo de privar a Vilagarcía do que foi un dos seus principais centros de riqueza e de ocupación laboral.
Dous anos despois de baixar a reixa dos seus talleres, Renfe, a través do xerente do seu patrimonio en Galicia, Ángel Freire, dirixíase ao Concello a mediados de 1994 para propoñerlle un troco de usos aos seus 80.000 metros cadrados a fin de convertelos en zona urbanizable. Comezaba o primeiro dos tres intentos por incorporar ao rueiro da localidade a céntrica zona desindustrializada. Os tres finalmente infructuosos pese ao interese existente en ambas partes polo fondo da cuestión. A forma de conseguilo, tan importante en tantas parcelas da vida, truncou un tras outro os capítulos negociadores.
Nun primeiro momento a pretensión de Renfe era a de urbanizar 53.800 metros cadrados tras conseguir a pertinente recualificación dos talleres, ata entón «de uso dotacional para o transporte», e da antiga estación de tren coma chan de uso residencial. A partir de aí, a intención do ente ferroviario pasaba pola construcción de vivendas de diverso tipo, de entre tres e sete alturas, con áreas de equipamento e zonas verdes, un bulevar que respectaría o antigo apeadeiro, e unha zona de aparcamentos para darlle servizo á praia Compostela, ao tempo que se propoñía desprazar un treito da vía cara a aba de Xiabre e abrir un novo vial que discurriría en paralelo para evitar os pasos a nivel.
O goberno local de Javier Gago puxo o proxecto en mans da comisión de seguimento dos traballos de revisión do PXOU, que rexeitou a proposta, defendendo un modelo extensivo fronte á aposta por construcións de maior altura da promotora da idea.
Mentres Renfe anunciaba unha pronta contraproposta que tardaría tres anos en chegar, veciños de Trabanca Sardiñeira manifestaban publicamente a súa preocupación «por una obra faraónica e impopular que beneficia únicamente a grandes organismos y oscuros intereses especuladores por la recalificación de unos terrenos que no dejan de pertenecernos». Sobre esta última cuestión, a directiva da Asociación de Veciños de Trabanca lembraba en 1996 que os talleres de Renfe se asentaban sobre uns terreos «que fueron expropiados a los vecinos colindantes y a otros propietarios», advertindo que a recualificación pretendida «sería al mil por mil recurrible por los afectados para que se les devuelvan los terrenos».
Gago amosou a finais de 1997 o interese do Concello por voltar a negociar con Renfe, pero houbo de agardar dous anos máis para saber de novo do ente estatal.
Para facilitar unha entente, Renfe presentou no 2000 tres alternativas para o desenvolvemento urbanístico dos seus antigos talleres. Delas, o Concello apostou desde o primeiro momento pola que falaba dun menor volume edificable. Concretamente, 33.000 metros cadrados, nos que se construirían 222 vivendas en edificios de baixo e catro prantas, e un hotel, gañándose para o Concello 16.000 metros cadrados de zonas verdes e de espazos públicos, incluídos zonas de aparcamento, a cesión do antigo apeadeiro, dunha das naves dos talleres, e da parcela para o futuro centro sociocultural de Trabanca. E se ben no 2001 se chegou a un principio de acordo, este non se asinou.
Gago aproveitou a creación do Ministerio de Vivenda tras a chegada de Zapatero á Moncloa para propoñer no 2004 a construción no solar dos talleres de Renfe de 250 vivendas de protección oficial. A propia ministra, María Antonia Trujillo, chamou por teléfono o alcalde un ano despois para interesarse pola iniciativa, da que non se voltou saber máis.
No 2006, representantes da división de Patrimonio de Renfe reuníronse co rexedor para tentar relanzar a negociación para a recualificación da zona, anunciando o derribo dos antigos e insalubres talleres, deteriorados polo abandono e foco de ocupas, e adiantando a elaboración dunha nova proposta. O tren entrou entón de novo nunha vía morta, da que nin Renfe nin o actual executivo local de Dolores García semellan interesados en sacar o proxecto.