Arredor de 600 palistas e 459 embarcacións compiten esta fin de semana no encoro pontevedrés de Verducido na Regata Nacional de 500 metros, segunda proba puntuable da Liga de Pista Olímpica Hernando Calleja e unha das regatas que decidirá o acceso ao control selectivo do que este ano sairá o equipo nacional español de piragüismo. Das 459 embarcacións, 75 levan selo arousán. Entre elas, once como cabezas de lista nas competicións individuais, cun programa no que tamén figuran finais de C-2 e K-2, e de C-4 e K-4. As Torres-Romaría Vikinga volta a ser a referencia da comarca, ao acudir á cita estatal con 37 piraguas, seis delas como cabeza de lista. Breogán participa con 19 e cinco, o Náutico O Muíño con once e unha, e o Piragüismo A Illa con oito e unha tamén. Ademais, en Verducido estarán cos seus clubs o grovense Tono Campos, no C-1, C-2 e C-4, e o cesureño André Oliveira, no C-1 e no C-4.