A clásica mostra do libro infantil de Vilagarcía acadou os 500 visitantes diarios, coa complicidade dos Bolechas
28 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Un ano máis, e van aló xa trece edicións, o Lectoriño de Vilagarcía vén de se pechar cun notable éxito de participación. Mais desta volta produciuse unha novidade importante: a mostra do libro infantil acadou o seu récord de asistencia, coa visita media de cincocentas persoas diarias ao auditorio. A cifra está abondo por riba dos rexistros de programacións anteriores, que aínda sendo boas nunca sobrepasaran os catrocentos participantes.
Dentro da oferta que a concellería de Xuventude preparou para os pícaros lectores foron, sen dúbida, os espectáculos concibidos coma apertura e peche do Lectoriño os que atraeron a un meirande número de nenos. Así, a representación do clásico conto Pedro e o lobo, posto en escena pola banda de música de Vilagarcía, foi seguida na xornada inaugural por 530 pequenos espectadores. O récord absoluto correspondeulles, porén, aos Bolechas. Os personaxes creados por Pepe Carreiro foron quen de encher practicamente a totalidade do salón principal do auditorio no terceiro e último día da mostra con nada menos que 550 persoas. Por algo as aventuras desta peculiar familia son lidas por milleiros de rapaces de toda Galicia. Toda unha garantía.
Tampouco non foi curta a asistencia a propostas coma o Club dos Xogacontos, cun cento de nenos o xoves, cifra que se duplicou venres e sábado. As sesións de contacontos de Solidariedade Internacional contaron, por último, cuns trescentos cativos.
Fórmula que funciona
En opinión da concelleira de Xuventude, Ana Lorenzo, o nivel de asistencia acadado demostra que o Lectoriño adoptou unha fórmula acaída, consistente en combinar a mostra de libros con actividades relacionadas cos contos. Todo, co obxectivo fundamental de promover a lectura entre os pícaros e potenciar a súa imaxinación. Así, o club permitiu, por exemplo, desenvolver nesta edición unha chea de xogos e obradoiros relacionados co mundo da literatura e os seus personaxes máis coñecidos.
En definitiva, priman os aspectos lúdicos para achegar o universo dos libros a nenos e mozos. Porque tamén os rapaces de máis idade puideron coñecer os últimos éxitos editoriais, nun espazo cómodo e atractivo. Tampouco esquece o departamento municipal o papel esencial que as familias e os educadores desenvolven no fomento da lectura entre os pequenos. Uns e outros, subliña Xuventude, poden aprender no Lectoriño tácticas interesantes para animar aos seus fillos e alumnos a iso que hoxe semella tan difícil: abrir un libro.