Unha vez recoñecido que o botín desexado polos novos dirixentes da entidade é claramente a concesión do porto de Vilagarcía, inaudita xesta lograda pola directiva saínte, é o momento de facer proselitismo: vilagarciáns, facédevos socios do Liceo Casino Hai un millón de razóns. Velaí media ducia delas.
1. Facerse socio non supón obriga ningunha, aínda que tampouco dereitos. Da igual seren socios por un día que por corenta anos. Naturalmente, caben parentes, amigos e benfeitores. Pero tamén furibundos inimigos. A compaña que todos desexamos: unha sociedade aberta. ¿A quen? 2. Se tes moitos amigos convídaos, é moi doado. Nin cota de entrada. Pero se vos gusta o esquí, é a vosa institución. E precisamos de novas expectativas, novas inquedanzas, novos socios, novos emprazamentos para as barbacoas? 3. Facédevos socios axiña. Aínda que por un día. Xuntar as vosas sinaturas. Convocar unha asemblea extraordinaria, está nos estatutos, aínda que dá o mesmo. Botar fóra a directiva que estea é só cuestión de números. Nada mais. ¿Qué non coñecedes á institución, aos socios? A quén lle ha de importar: outros fixeron o mesmo. 4. Porque seguro que atoparedes descontentos entre dos socios. Dalgunha das actividades que se desenvolven ou de todas. Tamén plural. Descontentos da existencia dun colectivo privado con intereses deportivo-culturais. Atopar a proclama aglutinadora, naturalmente falsa, populista e irrelevante, e gañaredes. Porque o botín é o Liceo Casino ¡para ir esquiar!. 5. Ir esquiar ¡gañando diñeiro! ¿Non coñecedes de que vai? Esta é unha institución con moito avoengo. Que fala coa Xunta coa Deputación co Concello. Con anos de historia. Con socios premiados dende hai anos. Pódense conseguir patrocinadores a esgalla. E bos treinadores. E como coñecedes a moita xente seguro que o logrades. O diñeiro podédelo manexar vós, ninguén no actual Liceo vos vai pedir contas, é cousa vosa. Preguntádelle aos que xa levan tempo facéndoo? 6. Novos socios para iren a esquiar nas competicións. Non desde logo da ría. Nin do Salnés. Pero temos federación galega. Pode saír algunha figura. Poucas. Que para encher o avión non fai falla ser socio do Liceo, ao contrario. ¿Que máis vos dá facer o que xa faciades, pola vosa conta, agora que conseguíchedes organizarvos a conta do Liceo? ¿Quén non vos vai deixar marchar? ¡Ánimo Vilagarciáns, facédevos socios!. Entre corenta mil almas. ¿Non hai a quen lle interese o esquí o calquera outra cousa? Quen sabe se política, tamén pode ser, ou comercial. Ata o de agora no Liceo Casino quen quixo conseguiu o que quería.