León pasou o domingo á historia do Atlético Arousana como o escenario do primeiro descenso do conxunto vilagarcián na Primeira Nacional, categoría de prata do fútbol feminino español na que debutou hai nove tempadas como equipo fundador. A derrota por 2-0 ante o conxunto local certificou a caída das pupilas de Plácido Cortés, que ademais rematarán moi probablemente a campaña dentro de dúas semanas como pechacancelas do Grupo 2. O técnico arousán lembraba onte a derrota en León como «a tónica de sempre. Ata o minuto 22, cando recibimos o 1-0, estivemos ben situadas, dominando o xogo e creando ocasións. Pero co gol perdemos o norte, e antes do descanso recibimos o 2-0. Na reanudación o partido foi noso por completo, pero estivemos negadas no remate». Plácido Cortés emprazou a súa análise do descenso ao remate da Liga, dentro de dúas semanas. Nembargante, o preparador non agochou que «estou doorido e triste. Cheguei hai cinco xornadas pensando que o equipo se podía salvar. Contaba con que polo menos tiveramos opcións ata a derradeira xornada». Non foi así e, como el mesmo di, «paradoxos da vida, eu ascendín o equipo hai nove tempadas, e eu descendino». Agora, o técnico do Atlético Arousana só quere pensar en «tentar rematar a tempada da mellor maneira posible». Ou o que é o mesmo, asinando sendas vitorias sobre o Casa Social Católica, penúltimo clasificado, este domingo en Vilagarcía, e sete días despois no feudo do Nuestra Señora de Belén. Decepción na directiva Pola súa banda, desde a directiva a tesoureira e tamén capitana do primeiro plantel, Carolina Baños, manifestaba onte que «estamos decepcionadas. Pensábamos que íbamos a salvar la categoría. Equipo había para ello, y por pasta metida no fue, pero a veces no llega con eso». Carolina non ten reparo en dicir que «ha sido un desastre», que «al fin y al cabo, fue culpa nuestra», das xogadoras.