Presumindo de ignorancia

AROUSA

Quico Cadaval e Mofa e Befa presentan o venres en Vilagarcía a súa obra «Shakespeare para ignorantes»

07 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O público que na súa época asistía ás obras de Shakespeare non era necesariamente culto. No seu momento, o literato soubo conectar con todo tipo de espectadores, pero hoxe parece que para ir ver unha obra de Shakespeare hai que ter unha cultura enciclopédica. Acabar con este mito é o principal obxectivo co que foi concibida a obra Shakespeare para ignorantes , creada por Quico Cadaval e por Mofa e Befa, unha peza teatral da que «a xente sae asumindo a súa ignorancia», segundo dicía onte a metade de Mofa e Befa, Evaristo Calvo, que con Quico Cadaval e o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, presentou onte o espectáculo.

A cita será no auditorio de Vilagarcía este venres ás nove da noite e os prezos das entradas son de seis euros na zona A, cinco euros na zona B e catro na zona C. Pódense adquirir, como é habitual, na páxina web www.caixanova.es, no número de teléfono 902 504 500 e o mesmo día da representación na billeteira do auditorio desde as sete da tarde.

O argumento

Un prestixioso profesor está a impartir unha conferencia sobre William Shakespeare. Esa charla pretende ser un ameno achegamento para un público con coñecementos básicos da obra do escritor. O profesor reclama, para facer máis deleitosa a instrución, a participación de dous actores moi talentosos, e temporalmente desempregados. Así é como Mofa e Befa irrompen na obra para poñer en primeiro plano as escenas máis ignoradas polo público actual. Asasinos, mendigos, bufóns, chivatos, oportunistas, chulos ou torturadores son algunhas das personaxes que pasarán polo escenario do auditorio vilagarcián.

En Shakespeare para ignorantes a compañía utiliza materiais procedentes de Macbeth , Ricardo III , Pericles, príncipe de Tiro , Rei Lear , Hamlet , Xulio César , Romeu e Xulieta , Otelo , Como gustades , Cimbelino e Medida por medida .

Como actores participan o propio Quico Cadaval, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A dirección correspóndelle a Cadaval, e a escenografía, o vestiario e o atrezzo son traballo de Mofa e Befa. Tanto Cadaval como Calvo animaron onte ao público arousán a que se acheguen o venres ata o auditorio para pasar un anaco divertido con esta mestura «da poética de Mofa e Befa coa épica de Quico Cadaval». Advirten que precisan que o público encha o patio de butacas porque «para facer un dos chistes da obra necesitamos que o teatro estea cheo». Xa saben.