Pedrosa na terceira dimensión

AROUSA

A sala do auditorio e os dous andares de Rivas Briones acollen unha mostra na que o volume e a forma se impoñen sobre a cor

01 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

El di que se atopa nunha etapa hiperbólica. Haberá que agardar á vindeira mostra para comprobalo. Polo de agora, a exposición dupla que onte se inaugurou nos dous andares da sala Rivas Briones e no auditorio de Vilagarcía amosa a máis fonda incursión de Guillermo Pedrosa nas tres dimensións. Hai tempo que a súa pintura quere ser escultura, gañar a aposta da materialidade, i é así como o volume se vai impoñendo, aos poucos, sobre a cor e as querenzas bidimensionais.

A exposición chega, explica o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, case que dez anos despois da súa primeira incursión no espazo da rúa Rey Daviña. E o feito de se estender a súa obra ao auditorio ten unha lectura cronolóxica, subliña o propio autor. As pezas que poden ollarse no complexo cultural do parque Miguel Hernández son, dalgún xeito, o preludio que anuncia o que despois chegará á casa da cultura. Puntas, cordas, madeira, fóronse incorporando devagar á súa obra. Os paseos pola Lanzada invernal, liberada de turistas e domingueiros, levaron ao creador arousán a fitar nos restos que a marusía vai deitando na costa. De aí eses paus que gañan protagonismo en varias das súas pezas. O importante, argumenta Pedrosa, o momento verdadeiramente creativo, dáse na concepción do traballo. No intre crucial no que se redondea o concepto. O resto, afirma, é un desenvolvemento material interesante e preciso pero xa non tan intenso.

Quen se deixe caer pola Rivas Briones terá a oportunidade de se enfrontar a unha proposta visualmente moi potente. Mais tamén dura, rotunda, mesmo agresiva. Pedrosa reflexiona sobre a importancia da forma e desa terceira dimensión que pouco a pouco ía pedindo o seu traballo. Non quere, sostén, que o predominio da cor acabe afogando a peza. Mais se produce neste eido un dobre xogo. Porque mentres nalgúns momentos chega a apostar polo monocromatismo para adiar calquera tentación neste senso, o certo é que a súa man cos pigmentos é a que permite á súa obra fantasiar con distintas texturas.

Así, unha primeira ollada semella desvelar coiro, óxido e mesmo densos bloques dunha materia indefinida en moitas das súas propostas. Porén, non hai nada diso, ou moi pouco, nos lenzos que se deixan ver na Rivas Briones. Son, precisamente, o xogo contido da cor e a infraestrutura soterrada -o autor denomina a este traballo «arquitectura do reverso»- os que conseguen enganar ou seducir o ollo para interpretar en diferentes rexistros o que non é senón tea sometida a tensións e tonalidades cromáticas variables. Nese equilibrio é onde Pedrosa procura a súa propia expresión. Ata o 28 de abril.