A directiva do San Miguel denunciou na Garda Civil por destrozos nos seus vestiarios os nove xuvenís cos que o Bamio se presentou en San Xosé ao partido aprazado polo temporal
23 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Co mundo do cine tan necesitado de historias coas que enganchar a uns espectadores de volta e media, son cada vez máis os guionistas que botan man dunha realidade que tantas veces mellora a ficción. E os xornais son xeralmente a súa mellor fonte. Quizais algún día algún necesitado narrador lea estas liñas. E se ben o relato que vén a continuación non ofrece material suficiente para unha longametraxe, calquera director novel verá no San Miguel de Deiro-Bamio do pasado venres material dabondo para rodar unha curtametraxe do subxénero deportivo. O final, a día de onte, apuntaba ao xulgado, cunha denuncia do club vilanovés contra nove futbolistas do cadro xuvenil vilagarcián por destrozar tres portas e unha papeleira dos vestiarios anexos ao seu campo.
Un plano xeral do campo do San Miguel con ambos equipos sobre o terreo de xogo serviría á perfección como primeira imaxe da curta, cunha voz en off falándolle ao espectador. Unha voz que introduciría a historia na derradeira fin de semana do mes de febreiro do 2010. A ameaza da nai das cicloxéneses explosivas, o Xynthia, levou entón á Federación Galega de Fútbol a suspender todos os partidos de balompé de base. Entre eles, o da Segunda División Rexional Xuvenil que debía enfrontar o San Miguel e o Bamio no campo do primeiro. Ambos equipos puxéronse en contacto para decidir nova data, e se ben o cadro local estaba disposto a non disputar xa o partido, ao non xogarse ningún dos dous rivais nada na clasificación, o Bamio optou por cumprir co compromiso ligueiro.
A directiva do club vilanovés ofreceulle entón á súa homóloga fixar o encontro o día de San Xosé, e a do Bamio aceptou. O problema é que o presidente da entidade vilagarciá, José Luis Vilas, deu o seu si sen saber que nesa semana dez dos dezanove xogadores do plantel xuvenil do Bamio estarían de viaxe de instituto fóra de España.
Chegado o momento, o cadro visitante cumpríu, e presentouse a xogar cos nove rapaces que tiña dispoñibles. O árbitro deu comezo ao partido, e todo transcurríu polo cauce da máis estricta normalidade ata o minuto 57. Con 3-0 no marcador, un futbolista do Deiro quixo axustar ao pao un disparo a portería baleira. Pero o esférico terminou saíndo fóra pegado á madeira. Entón, e segundo relataba onte o presidente do San Miguel, Luis Torrado, «un central deles mofouse do noso xogador, e comezou unha tangana». Consecuencia, unha expulsión por parte local e tres polo bando visitante, que se quedou cunha insuficiente media ducia de futbolistas no campo. Coa normativa na man, o colexiado suspendeu o partido.
A acción da curta trasladaríase entón aos vestiarios do pavillón municipal anexo ao campo do Deiro, que este último usa vía convenio co Concello de Vilanova. A expedición de Bamio tomouna coa porta de entrada e outras dúas dos baños reservados ao equipo visitante, que remataron rotas xunto cunha papeleira. E «se non actuamos, quedámonos sen vestiarios», sostén Torrado.
A directiva do San Miguel tentou sen éxito coñecer a identidade dos energúmenos que destrozaron parte do vestiario. Pero nin a intervención do directivo do Bamio que acompañou o conxunto vilagarcián convenceu os responsables de que desvelasen a súa identidade e asumisen as consecuencias, xa cunha parella da Garda Civil no campo a instancias do colexiado.
A rodaxe trasladaríase así á casa cuartel da Garda Civil de Vilagarcía, onde o presidente do San Miguel puxo o sábado unha denuncia contra os futbolistas, «non contra o Bamio», explica Torrado, porque «o club non ten a culpa». E advírtelles aos chavais: «A denuncia manteráse ata que alguén se responsabilice».