Plácido Cortés estréase esta mañá en Vilagarcía na súa nova etapa á fronte do banquiño do Extrugasa Atlético Arousana, logo de debutar en substitución de Rogelio Barragáns hai unha semana no feudo do Amigos del Duero. O triunfo por 2-4 naquel partido alimenta o optimismo nas filas vilagarciás ante o esixente compromiso que este mediodía ten no campo da Lomba, fronte ao segundo mellor equipo do grupo galego Primera División Nacional feminina, o El Olivo de Vigo. Con 43 puntos, o cadro visitante apura as súas últimas e reducidísimas opcións de gañar o título ligueiro e facerse coa única praza en xogo para a fase de ascenso á SúperDivisión. E é que o Reocín, o líder do campionato, sácalle 12 puntos. Incluídos os 3 que sorpresivamente se deixou El Olivo na xornada pasada ante o Mareo, 1-2. O menor rendemento do El Olivo fóra da casa debera ser hoxe o maior aliado do Atlético Arousana. O cadro vigués sufríu coma visitante tres das súas catro derrotas no que vai de tempada, e dous dos seus tres empates, gañando na metade da súa decena de desprazamentos precedentes. Marta Cortés, por acumulación de amonestacións, e Anita e Sheila, na fase final da recuperación das súas lesións, son as ausencias na convocatoria vilagarciá. Entre as motivacións do Atlético Arousana hoxe está a de resarcirse do 4-1 encaixado na primeira volta ligueira.