Vilagarcía desbordará nos próximos días cos máis variados actos de entroido. Pero se no carnaval vilagarcián hai propostas con personalidade propia, sen dúbida unha das máis destacadas é a de Vilaxoán. Un entroido, o desta vila, que xunta como ningún, como onte destacou o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, tradición e modernidade.
Hai, polo tanto, mesturadas cos actos de sempre, novas ideas. Unha delas será a que se oferte o próximo venres a todas aquelas persoas desexosas de gozar do entroido. As dúas comparsas de Vilaxoán, Marajota e media e Os Trancheiros, bateranse nun particular reto de inxenio a partir das oito da tarde. Aínda que se trata dun duelo amistoso, as dúas formacións estarán acompañadas polo Xornal Criticón, outro clásico que, despois dun ano de parón, reaparece con gañas no entroido da capital arousá.
Outra das novidades deste ano será o cambio do día no que se celebra o enterro da sardiña. Ata o de agora era, cada ano, o mércores de cinza. Nesta ocasión, este día déixase para o enterro de Carril, mentres que o de Vilaxoán terá lugar o sábado que vén.
Sobre as sete da tarde comezará a concentrarse a xente na lonxa para velar a sardiña. Ás oito, o féretro abandonará o local para, acompañado do seu numeroso e doente séquito, percorrer as rúas de Vilaxoán ata rematar na praza Rafael Pazos, tamén chamada do Campo.
E como despois de tanto choro hai que espelirse un pouco e levantar o ánimo, os vilaxoaneses teñen preparada, unha vez que a sardiña repouse xa no seu destino final, unha gran festa.
Coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a comisión encargada do enterro da sardiña organizou unha actuación da orquestra D'Tacón. Tamén o organismo provincial colaborou para que a sardiña sexa, no seu paseo fúnebre, convenientemente acompañada pola banda de música de Vilanova.
Os nenos serán os protagonistas do último dos actos do entroido de Vilaxoán. Será o próximo domingo cando se celebre a festa infantil, que comezará ás seis e media da tarde e estará amenizada polo dúo Marea.
Para presentar estes actos estiveron onte no centro socio cultural de Vilaxoán o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, posto que o Concello colabora coa organización, e o vicepresidente da Deputación, José Juan Durán, que acompañaron aos representantes veciñais. Todos eles destacaron a singularidade do entroido vilaxoanés e animaron ao público a achegarse para gozar de todos eses actos.