Céltiga, dúas caras da mesma moeda

AROUSA

O conxunto illense púxolle en bandexa o 0-2 ao Bergantiños na primeira parte, pero Vázquez acertou cos cambios precisos no descanso para salvar un punto e merecer máis

02 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi un punto, como puideron ser tres ou ningún. O empate o pasado domingo fronte ao Bergantiños, 2-2, deixou a imaxe dun Céltiga bipolar. Un equipo que saltou ao campo sen a tensión requerida polo seu delicado momento e a condición de rival directo do Bergantiños, pero que soubo compensar o seu erro a tempo para evitar a penitencia da derrota cunha gran segunda parte. Suficientemente boa como para chegar á conclusión de que unha vitoria local non sería inxusta.

Un 3-2 tería sido a recompensa ao equipo que máis arriscou na súa proposta futbolística. Ben é certo que nos 45 últimos minutos de partido, e acuciado o Céltiga polo 0-2 co que se chegou ao descanso, inaceptable cando a zona de descenso ameaza cun colchón de tan só 2 puntos.

Hai que dicir que o conxunto local se meteu el soíño no fregado. Porque se o Bergantiños tivo opcións de levarse o partido, e vaia se as tivo, foi tan só grazas á falta de concentración do seu rival en tarefas defensivas. O 0-1 partíu dun desafortunado erro da zaga arousá no minuto 8, nunha acción facilmente abortable, que rematou con Deus marcando a pracer no segundo pao libre de marca. Caras de incredulidade nas bancadas do Salvador Otero que se repetiron media hora despois, cando o porteiro local, Toño, saíu en falso a despexar un balón en longo sen excesivo perigo. Josiño non perdoou.

E iso foi o que fixo o Bergantiños durante a primeira parte máis aló de amosar unha excelente colocación sobre o terreo de xogo, e unha capacidade de sacrificio encomiable para afrouxar o xusto a súa presión sobre o balón cando este o tiña o Céltiga. Ao contrario ca este, o cadro visitante manexou á perfección o recurso á falta estratéxica en canto albiscaba unha aproximación excesiva á súa área. Os da Illa, pola súa banda, non souberon acertar no seu bo par de ocasións de gol.

No descanso Vázquez sentou a Adrián e Víctor, mandou a Fran ao lateral esquerdo e a Óscar Río ao centro da zaga, pasando dun 4-4-2 a un 4-1-3-2, con Beni por diante da defensa e Fernando formando un trío de medias puntas con Iago á esquerda e Luis Alberto á dereita. Era unha aposta arriscada, e saíu bastante ben. O Céltiga non deixou de chegar con perigo á portería visitante, con dous tantos de bela factura de Iago e de Hugo e cinco disparos que estiveron moi preto de subir ao marcador, incluído un balón ao longueiro desviado coa cara por un xogador rival.

O equipo coruñés tivo dous pares de goles máis salvados polo Céltiga, un deles en sendas cantadas da zaga arousá. Por sorte só foron sustos. A boa imaxe da segunda parte non debe borralos nembargante do libro de leccións do conxunto de Vázquez.