Vaia vostede saber por que, todas as culturas do planeta cantan as excelencias do silencio. «Cando fales procura que as túas palabras sexan mellores có silencio», sostén un vello proverbio indio. «O silencio é o único amigo que non traizoa», afirmaba Confucio. Por fin, Robert Fripp, guitarrista da banda King Crimson, concluía que «algúns soportan mal o silencio porque teñen demasiado ruído dentro deles mesmos». Non cabe dúbida de que calar é, en ocasións, a mellor é máis tronante forma de meter barullo. Silencios coma o de Marcelino Abuín no pleno do xoves en Vilagarcía desvelan a presenza dunha treboada longamente larvada, que ameaza con descargar de vez o seu contido de lóstregos sobre a política local, en xeral, e o grupo socialista, en particular. Do mesmo xeito, non hai mellor maneira de confirmar unha crise que precipitarse de cabeza a desmentila. Noutros momentos, e con temas preocupantes sobre a mesa, coma a denuncia de Rivera sobre a ilegalidade da aprobación da RPT, aquí pechou a boca toda a tropa. Se o troco de Abuín por Victoria Hierro é froito dunha meditada e amigable reflexión, non se comprende que non se explicase antes da súa escenificación. Curioso, o silencio.