«Os nenos teñen moitos menos prexuízos ca nós»

AROUSA

02 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Contacontos, narradora, animadora á lectura... Ana Abelenda identifícase con calquera destas etiquetas. Colaboradora de Kalandraka Editora, esta tarde estará no auditorio de Vilagarcía, a partir das sete, para disertar con Casaescola.

-¿En que consiste a súa conferencia desta tarde?

-Falaremos sobre a importancia de animar a ler os máis pequenos. Centrarémonos na etapa de 0 a 3 anos, aínda que tamén tocaremos a etapa infantil. É importante buscar estratexias e literatura de calidade para esta primeira infancia, que ás veces é o que resulta máis complicado.

-Se cadra é unha idade un pouco esquecida neste senso.

-Ben, hai métodos para animar a ler aos máis maiores, en Primaria e Secundaria. Pero tamén para os máis pequenos. A sorte que temos é que a tradición oral galega é moi rica e as nais sempre foron moi sabias, cantándolles e contándolles contos aos nenos.

-Si, pero ¿non é unha práctica que se perde, ao igual que moitos outros aspectos da cultura popular?

-Noutros aspectos, coma aqueles contos á noite, a carón da lareira, é evidente que si. Pero aos nenos tan pequenos todo o mundo cántalles nanas, failles xogos co corpo, os cinco lobiños... Se cadra faise inconscientemente, pero é importantísimo.

-¿Máis difícil en galego?

-Tampouco. Eu creo que aos nenos tanto lles ten que lles contes en galego ou castelán. Teñen moitos menos prexuízos ca nós. O importante é a melodía, o ritmo, a sonoridade.