As campás e a residencia

AROUSA

Afeitos a vivir nun país de prodixios i encantamentos, os veciños de Campaña chimparon alucinados antonte ao sentiren que as campás da igrexa parroquial tocaban a morto a iso das sete da tarde. Nin remataba o mundo, como disque ten previsto o calendario maia para o 2012, nin os tronantes tomaran o campanario. A explicación a tan misterioso suceso era moito máis simple, case vulgar: un lóstrego, en plena treboada, estragou o aparello eléctrico que regula as badaladas da capela. Paradoxos deste noso recuncho. A mesma electricidade que ao cobrar forma de alumeado público escorrentou dos camiños ánimas, compañas e aparecidos convocou o persoal a un funeral inexistente a golpe de raios e centellas. Isto nunca sucedería se o sancristán seguise tirando da corda. Mais vivimos tempos incertos, de falta de fe. A mesma que, mudando os santos pola Xunta, ameaza con estenderse entre a comunidade da residencia Divina Pastora. As palabras sempre soan ben. Facíano antes e seguen a facelo agora. Pero regalar os oídos da xente de nada serve se despois non se poñen sobre a mesa os recursos que deben trasladar á realidade o que non son máis que declaracións de boas intencións.