Calquera espectador imparcial e amante da xustiza deportiva tería saído na tarde do domingo do campo de Burgáns co corpo revolto ao termo do Cambados-Arenteiro. O 2-3 final é deses casos que en tantas ocasións fan desexar o afeccionado que o fútbol deixe de ser un deporte onde a efectividade, e non os méritos, é o que determina o nome do vencedor dun partido.
Porque se de méritos se tratase, o Juventud Cambados tería agora 3 puntos máis a costa dun Arenteiro que con ser un equipo notable, non semella dispor de suficientes argumentos para lucir a terceira praza da Preferente Sur, a 4 puntos do líder, o Porriño Industrial, e a tan só 1 da segunda praza de ascenso, hoxe en mans do Estradense.
O Arenteiro argumentou con solvencia os adxectivos que o precedían á súa chegada a Burgáns. En campo rival, o cadro ourensán apostou por buscar na presión sobre a saída do balón cambadés o camiño da victoria, achicándolle campo aos homes de Eduardo Carregal.
O Cambados saíu relativamente ben parado da proposta do seu opoñente. Con moito esforzo e orde, o fútbol a ras de chan proporcionoulle ao cadro arousán os mellores achegamentos á área contraria nos primeiros 45 minutos de partido. Un periodo no que combinacións de perigo só houbo a que orixinou o 1-0, con Álex Cubas enviando no segundo pao e libre de marca o balón ao fondo das mallas ourensás, rematando un centro desde o fondo esquerdo da portería visitante. O empate a uns naceu dun córner pesimamente defendido, co rematador só no segundo pao. Unha acción que se repetiría case nos mesmos termos no 2-3 final, a 11 minutos da conclusión do choque.
A endeblez defensiva foi o pecado mortal que condeou o domingo o Cambados ante un Arenteiro cunha efectividade do cento por cento nos seus disparos entre os tres paos. O 1-2, xurdíu dun novo erro de marcaxe arousán, que lle permitíu ao visitante Martín fusilar a Neno Millán á altura do punto de penalti.
En todo caso, a puntería do Arenteiro tería quedado reducida a mera anécdota de non ser pola falta de acerto local. E é que ademais do empate a 2, obra do bigoleador Álex Cubas, o Cambados contou na segunda metade con outros cinco disparos que finalizaron sendas xogadas ben elaboradas polos pupilos de Eduardo Carregal. Pero a pericia do gardameta Iván, unida nalgún caso á mala selección do remate do xogador local de turno, acabou co balón desviado polo cancerbeiro ourensán.
Entre os minutos 60 e 75 o Cambados puido matar o partido, cun baño de fútbol ao Arenteiro. Pero de nada valen as ocasións perdidas. Si o gol de Diego Soto, que subía o 2-3 á postre definitivo entre os gritos do técnico arousán, que levaba dous minutos pedíndolle insistentemente ao asistente do colexiado un troco co que reorganizar o equipo tras a expulsión de Koeman nunha desafortunada acción na liña de fondo visitante.