O Liceo Casino de Vilagarcía programa para mañá unha nova función de «Os Bolechas»

La Voz

AROUSA

Hai semanas que o Liceo Casino vén publicitando unha sesión de teatro cos mellores amigos dos pequenos, Os Bolechas. Esta sesión terá lugar o venres, mais a demanda que ten provocado a proposta leva aos responsables da sociedade vilagarciá a programar unha segunda función, que terá lugar mañá á tarde. Este pase comezará ás 19 horas e as entradas xa están á venda na propia sede da entidade, no número 5 da rúa Castelao. O prezo é de 4 euros agás para socios, parados e usuarios do Carné Xove, que pagarán 3 euros.

Os Bolechas é un espectáculo da compañía coruñesa Caramuxo Teatro, que ten traballado con grande éxito na adaptación aos monicreques dos excelentes personaxes de contos e cómics creados por Pepe Carreiro. Cabe lembrar, neste senso, que a serie detívose hai pouco nun municipio da ría, concretamente en A Illa, recreando a ruta dos Cons.

O luns, o Liceo Casino puxo a venda as entradas para o pase do venres, previsto para as sete e media da tarde. En tres días, as butacas están xa a piques de se esgotar, o que decidiu á organización a programar esta sesión extraordinaria do xoves. Con esta iniciativa, a sociedade vilagarciá emprende unha programación de artes escénicas para nenos que constará de oito espectáculo que inclúen títulos como Glub Glub ou Dilema do 6 .