Luis Rei presenta no Grove o libro «Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades»

La Voz

AROUSA

A Editorial Galaxia e a Concellería de Cultura do Grove xa o teñen todo listo para a presentación -mañá, ás 19.30 horas na casa da cultura Lueiro Rei- do libro Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. A charla sobre esa obra, escrita polo grovense Luis Rei, complementará a inauguración da exposición Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos, que permanecerá no edificio do Monte da Vila durante un tempo -en concreto, ata o vindeiro día 31 de outubro-.

Nestes actos participará, como non podería ser doutro xeito, Luis Rei, na súa dobre faceta de autor do libro e comisario da mostra. Canda el estará Vítor Freixanes, director de Galaxia; Patricia Arias, profesora do IES As Bizocas, e Antón Mascato, concelleiro de Cultura no Grove. Ademais poderase asistir á actuación da soprano grovense Andrea Búa Aguín, que cantará algúns poemas de Cabanillas. Os actos, informa o Concello, son de libre entrada ata completar o aforo.