Arredor de 120 persoas se anotaron xa na escola que puxo a andar a asociación Nós
30 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Este venres comezan as clases de baile na escola de música, canto e baile tradicional que creou a asociación Nós de Sobradelo. Cando chegue ese día, todas as seccións da agrupación estarán xa funcionando, posto que xa comezaron a escola de gaita e percusión e as clases de pandeireta e canto.
O éxito desta proposta está sendo tal que din atoparse desbordados. Sobre 120 persoas están xa anotadas para ensaiar cos diferentes grupos. De todos os xeitos, esa cifra aínda pode medrar, posto que a inscrición permanecerá aberta ata finais do mes de novembro. A idade mínima para anotarse nas clases son cinco anos.
A escola de música tradicional que puxo en marcha a asociación Nós leva dous anos medrando moito, circunstancia que demostra o interese que este tipo de actividades espertan en Sobradelo.
As clases son impartidas por Ramón Miguéns no apartado de gaita e percusión; Xosé Codesido en baile, pandeireta e canto; e Xurxo Santos, que é tamén o presidente do colectivo, ensina baile na escola.
As actividades impártense na casa de cultura de Sobradelo. Os ensaios son os luns nas disciplinas de pandeireta e canto, os martes percusión, os mércores gaita, e xoves e venres, baile.
A asociación Nós fundouse no ano 1986 coa idea de organizar actividades culturais e dirixidas aos máis novos e á terceira idade. Con todo, a maioría da súa actividade sempre xirou en torno ao grupo folclórico. Esta formación chegou a triplicarse nos últimos anos, e por iso xurdiu a idea de crear unha escola que hoxe conta con catro grupos de baile, outros tantos de pandeireta, un grupo de gaitas e unha charanga folclórica.