As inquedanzas literarias de Anxos Sumai estendéronse no seu momento á militancia política. «Na adolescencia fun unha tipa un pouco rebelde», sinala a catoirense. «No instituto fíxenme simpatizante do Movemento Comunista de Galicia, co que seguín colaborando na universidade. Alí me metín nos primeiros Comités de Facultade». Por iso, Anxos vivíu con agustia o intento de golpe de Estado do 23F no ano 81. «Lémbroo perfectamente. Estabamos na facultade e apareceu un compañeiro que estaba fóra. Sacounos da clase a todos e fumos eliminar material subversivo, non fora ser o demo. Agora un se escaralla de risa, pero daquela daba moito medo».
Anxos deu renda solta ao seu espírito creativo. Algunhas veces, ante a necesidade de diñeiro para completar os cartos que precisaba en Santiago, facendo monicreques cos seus compañeiros de piso que «logo vendiamos na Rúa do Franco». Noutras ocasións, por simple pracer, colaborando cos seus veciños e amigos de Catoira Fausto Isorna e Arturo Regueiro escribindo guións para fanzines -revistas de cómic-. Ao final, por falta de cartos, «só publicaron unha das miñas historias. Era dunha tía que tiña unhas hortensias preciosas de cor viño tinto espeso. ¿E como conseguíu a cor? ¡Asasinando a nenos!», rememora con humor negro.