A traíña masculina do C.R. Mecos pechaba o pasado sábado a súa exitosa tempada cun segundo posto na Bandeira Príncipe de Asturias en augas de Castropol. Mais o club grovense aínda ten unha derradeira cita antes de tomarse un breve descanso e comezar a preparar a vindeira tempada.
As remeiras séniores de Mecos partirán na madrugada de mañá venres con destino a San Sebastián para competir o sábado na Bandeira Feminina da Concha. Unha competición que este ano contará con once embarcacións, incluídas as tres que este verán exerceron o papel de pioneiras na primeira edición da Liga Galega Feminina de Traíñas. A campiona, Rías Baixas (Cabo de Cruz-Chapela-Meira), Artabria (Perillo-A Cabana-San Felipe) e a tripulación mixta de Mecos-Bueu, que se fixo co subcampionato autonómico logo de catro regatas puntuables, con victoria incluída en augas de Oleiros.
Ademais das galegas, competirán o sábado na clasificatoria da Concha Astillero, Hondarribia, Zumaia, Getaria-Tolosa, Urkirolak, a selección de Viscaia, o Club Natación Badalona, e o Club de Remo Badalona. As once buscarán un dos catro postos na final do domingo divididas en tres tandas, dúas de catro traíñas e unha de tres.
O plantel de Mecos-Bueu está formado por dez remeiras do Grove e sete do Morrazo, adestradas polos técnicos do club arousán Fran Iglesias e Paulo de la Fuente. O primeiro deles comentaba onte que Mecos-Bueu se despraza á Bandeira da Concha sen máis obxectivo ca disfrutar da experiencia. E é que, lembra, «nós montamos a traíña en dous meses, mentres que o resto leva todo o ano traballando coa embarcación. Para nós é un ano de adaptación. Tivemos que fichar a remeiras que estaban inactivas».
As remeiras de Mecos-Bueu aproveitarán a súa chegada mañá a San Sebastián para realizar dous adestramentos antes da clasificatoria do sábado á tarde.