O autor da primeira obra sobre a vida do poeta amósase fascinado pola súa figura
28 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Cambados acolle esta tarde (20.00 horas) a presentación da primeira biografía de Cabanillas. É obra de Luis Rei, técnico de cultura no Concello de Cambados que leva máis de vinte anos recompilando información sobre o poeta. Tamén é o responsable da exposición biográfica da Editorial Galaxia que tamén hoxe abre as súas portas no pazo de Torrado. -¿Cando nace o seu interese por Cabanillas e a idea de facer unha biografía? -Son cousas distintas. Eu desde que estou en Cambados, xa fai 22 anos, non me quedou outra que ir xuntando materiais porque me interesaban ou para actividades. Empecei a ter interese en estudar a Cabanillas cando empecei a xuntar exemplares sobre El Cometa, El Umia xa era coñecido. Os primeiros exemplares tróuxomos Xoán Antonio Pillado e parecía que había material novidoso que falaba dun Cabanillas combatente antes de Cuba. Había un Cabanillas anticaciquil, agrarista que me parecía importante difundir. Con iso fomos facendo publicacións e, a partir de aí xa me fun metendo en todo. Fai dez anos empecei a pensar na globalidade de Cabanillas e no 2004 escribín a obra de teatro Camiño Longo, que xa tiña unha visión máis global porque falaba de toda a súa vida. Foi un ensaio para a biografía. -¿Que foi o máis difícil? -Mentres a información a administraba eu, que ía as bibliotecas e botaba tres días buscando cousas e ordenándoas, todo tiña unha medida humana. A partir do momento en que se poden descargar cousas de Internet e en que tes unha ducia de amigos investigadores que che mandan toda a información polo correo electrónico, a medida xa non é humana. O máis difícil foi administrar a información que chegaba porque era de etapas moi diversas. Ata que busquei un método, que foi o de facer unha cronoloxía. -Chama a atención que ninguén antes escribira unha biografía de Cabanillas... -Eu penso que ninguén recompilou tanta información e que ninguén fixo unha biografía de Cabanillas. Cabanillas non quería ter biografía e xa fixo el unha bastante humorística e coma morreu coma un santo.... Polo tanto, se ese santiño deixa unhas notas biográficas, xa ninguén se atreve a andar fedellando. Ademais, somos un país non moi dado ás biografías no ámbito literario. Rosalía non ten unha. Así que, dende ese punto de vista son un home moi valente. -¿Que é o que máis lle gusta deste libro? -Non me gustan as anxiografías, as vidas de santos. Son máis do reino dos mortais. Encántame o Cabanillas de Cambados, que foi o primeiro Cabanillas que descubrín. O funcionario cambadés cargado de fillos e obrigas que cada vez se revela máis ata que colle as maletas e que polo medio fai unha revista desternillante. Gústame o viaxante de augas minerais que anda por toda Cuba en tren escribindo nos periódicos, que participa na revista Suevia, da que sae o libro Vento Mareiro, que é unha conmoción. Porque nese momento en literatura galega non había nada e entón aparece algo, e algo bo. Cabanillas tivo unha vida para contar. O último que descubrín é o Cabanillas da posguerra, da tráxica falta de luz. O libro chámase Crónica de desterros e saudades por algo, porque Cabanillas viviu eternamente no desterro. -¿Por que? -Porque llo pedía o corpo. Porque a vida saíulle así e non sei eu en que medida quixo dominalo. El sae de Cambados por primeira vez con 34 anos. Era un homiño de Cambados feito e dereito. A partir dese momento colle carreira e non parou nunca. Foi o penúltimo bohemio, o que fai que sexa un personaxe do que merece a pena contar a súa biografía. Quen o lea pode aburrirse por culpa miña, pero Cabanillas está sempre facendo cousas. -Nótaselle un pouco fascinado polo personaxe. -Non sempre estou dacordo con el, como é normal. Apaixonado si porque estás descubrindo permanentemente cousas. Se non resultase atractivo o personaxe, non o faría., E ao principio non o era, pero resultou divertido, incluso cando era un vello de cara enrrugada porque tiña moito intríngulis detrás. Acabas topando cousas divertidas. Como un día que che entrega a familia uns versos sen acabar que non sabes de que son e, ao ano seguinte, topas unha entrevista do ano 57 na que promete escribir un poema a todas as campás de Compostela. E dáste conta entón, de que aquel borrador é o bocexo de Catedrais de Compostela e, claro, emociónome porque acabo de ser capaz de encaixar unha peza máis e ver como escribía os poemas. E iso é un privilexio.