O profesor Leal crea unha guía pioneira sobre os portos para almunos da ESO
08 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Un absurdo prexuízo sobrevoa o sistema educativo do país dende sempre. O coñecemento con maiúsculas, vencellado indisolublemente ao alleo, semella selo só se vén editado dende Madrid ou Barcelona, asinado por nomes e apelidos imposibles de asociar a un rostro ou a unha voz. Esta obtusa miopía esquece que os feitos se constrúen en todas partes, que non existen distintos niveis de realidade e que o que un ten diante dos ollos é tan verdadeiro e digno de ser vehículo de coñecemento, probablemente bastante máis, que o que as grandes editoriais poñen nas aulas con ese prestixio que só aporta o que está distante e parece inaccesible.
O resultado deste proceder é o absoluto estrañamento do alumnado con respecto aos contidos que se lles trata de explicar. Cando un estudaba, os portos dos que falaban libros e profesores eran unha sorte de monstro industrial, tipo Bilbao, ou unha especie de enorme lonxa, como Vigo. Entes abstractos que só habitaban as catro paredes da clase, nunca a vida que había alén delas. Hai anos que Xosé María Leal, vilanovés, profesor de Historia, traballa na creación de instrumentos capaces de subverter este esquema pervertido para achegar o coñecemento aos seus alumnos dun xeito práctico. Camiños que permiten a quen aprende mergullarse no obxecto que debe comprender. O seu labor cobra a forma dunha guía didáctica sobre os portos galegos, dirixida a rapaces da ESO.
Nunha ría á que se abren 30 das 122 dársenas que xestiona Portos de Galicia, nun lugar como Vilagarcía, que dispón dun dos 27 portos de interese xeral do Estado, sería estúpido atravesar o espello para procurar pantasmas a miles de millas de distancia. Esta extensa, minuciosa e documentada ferramenta baséase en dous portos, Vilagarcía e Vilanova, que os chavales poden respirar, recollendo datos que revelan a súa importancia en canto aos fluxos mercantís e ao desenvolvemento histórico, cultural, económico e urbanístico das vilas nas que se asentan. A guía propón visitas, actividades e explicacións que non eluden a influenza de factores que, coma o narcotráfico, poden ser incómodos pero tamén imprescindibles para entender o que pasa. E isto si é maiúsculo.