«En Catoira hai un estilo propio de tocar a gaita e o mestre merece un tributo»

AROUSA

19 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Ameneiro acaba de poñer no mercado un tributo en toda regra a unha das figuras máis importantes da música tradicional da comarca, a de Agustín Lorenzo Loroño. Recompilou información durante anos e agora, por fin, a súa obra, viu a fin a luz.

-¿Como xurdiu a idea do libro?

-Sempre se tivo a intención de facer unha recompilación sobre todo o material do mestre. Fai uns anos, voltei a tocar co grupo Brisas do río Ulla e tocoume a min a parte literaria.

-¿Que foi o máis complexo?

-Bueno, o certo é que a obra naceu como unha novela e despois houbo que transformala e enriquecela con partituras, que foron transcritas de gravacións de ensaios antigos. Sen dúbida o máis complicado foi o traballo de campo porque houbo que falar con decenas de persoas.

-¿E esa novela, onde está agora?

-O certo é que está agardando pero sairá como tal en canto poida.

-¿O libro-deuvedé é un xeito de pagar unha débeda histórica?

-Certamente. En Catoira hai un estilo propio de tocar a gaita e de facer música tradicional. Ademais, o mestre merece un tributo porque todos os grupos lle tiñan moito aprecio.

-¿E como era en persoa?

-Chamábanlle «o barqueiro». Estivo vinte anos embarcado na Transmediterránea e tocaba en alta mar. Eu toquei con el e o seu fillo foi o meu primeiro profesor. A verdade é que non podía quedar no anonimato.