Case dúas horas. Ese foi o tempo que a delegación de Amegrove permaneceu reunida na noite do luns coa directiva da Liga Galega de Traiñeiras (LGT) para falar da descualificación do barco grovense na regata inaugural do campionato. Dúas horas de intercambio de pareceres do que se extraeron dúas conclusións: que os responsables da LGT atribúen a descualificación aos árbitros da proba, e que Amegrove non está disposto a aceptar o duro castigo imposto por non ter pasado o control de embarque, falta cuxa culpa si asume.
Así, e tal como adiantara o mesmo luns á tarde o responsable técnico de Amegrove, Diego Portela, o club arousán rexistrou ante a Liga un recurso no que «pedimos que se busque unha solución para que non se adultere a competición». Dita solución pasaría, segundo Portela, por «decidir que a Bandeira de Muros non puntúe para a Liga, ou recuperar o descarte do peor resultado de cada club ao longo da tempada -que este ano se eliminou do sistema de competición-».
A directiva da LGT, co grovense e presidente de Mecos, Juan Ramón Outeda, á cabeza, informou a Amegrove que, tal e como estipula o regulamento da Liga, fallará o seu recurso no prazo de sete días. E faráo tras analizar o contido da acta arbitral da cita de Muros, sobre a que sustentará a súa resposta a Amegrove.
Prevendo un hipotético fallo negativo para os seus intereses, o club grovense solicitou en paralelo a convocatoria dunha asemblea extraordinaria da LGT, coa fin de tratar a descualificación entre todos os socios da Liga. Unha convocatoria que, informou Portela, conta co respaldo de Vilaxoán, Chapela, Náutico de Vigo e Rianxo, e que obriga a directiva da LGT a xuntar a asemblea no prazo de 15 días. A primeira hora da tarde de onte Outeda só coñecía dun club que apoiase a convocatoria.