Con sete anos xa acadou o seu primeiro premio literario e con 33 xa ten varios e prestixiosos ás súas costas, sempre co teatro
14 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Teresa González volveu ao O Grove desde Francia, desta volta para quedarse «unha tempada» despois dunha década de viaxes de estudos que a levaron a Italia e Suíza. Ademais da familia e de que o mar de Arousa sempre lle tira, esta filóloga tiña outro motivo para virse. Onte rendéronlle unha homenaxe no pobo que a viu nacer, dentro dos actos da Festa das Letras e do Libro. Había un bo pretexto. Teresa é a primeira persoa que gaña no mesmo ano (2008) dous premios tan importantes como son o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e o Manuel María de literatura dramática infantil, con Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras , respectivamente. Ámbalas dúas foron editadas por Xerais e onte presentáronse ao público na Praza de Arriba.
-A primeira pregunta é obrigada. ¿Como recibe esta homenaxe?
-Para min foi unha sorpresa e, por suposto, unha alegría e unha honra, sobre todo por ser no meu pobo.
-¿E os premios?
-Os premios non son unha meta, hai que continuar. Están ben porque che permiten que se publique a túa obra e dan a oportunidade de coñecer a moita xente.
-Pero o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María non son premios calquera. ¿Houbo outros?
-Si, os dous son importantes pero hai outros que tamén me estimularon moito como foi o finalista Rafael Dieste, e antes gañei unha mención especial do xurado por unha peza de títeres. O meu primeiro premio foi aos sete anos.
-Cóntenos iso...
-Tiñamos que escribir sobre un soño e eu soñara algo moi divertido. Aparecíasenos un lagarto enorme a min e ao meu irmán e el quería matalo cunha vasoira, pero eu dicíalle que non o matara e ao final non o fixo. Logo foi cando vimos que detrás do lagarto había outros máis pequenos... Nunca me queixei de imaxinación.
-¿Por que o teatro e non a narrativa ou a poesía?
-Probei na narrativa e foi cando vin que o diálogo me ía moi ben. Gústame a dinámica da réplica. No teatro podes prescindir da descrición, meterte de cheo na acción e no aspecto psicolóxico das personaxes. Quizais che da mais liberdade. Síntome ben no teatro e espero que sexa por moito tempo.
-Soños aparte ¿cando foi que empezou a escribir, digamos, en serio?
-Foi na universidade, con 18 anos, cando empezou a interesarme o teatro, coincidindo con que me metín no teatro inglés e interpretamos a Shakespeare. Penso que foi a primeira vez que pensei en seguir por esa vía. De tódolos xeitos foi un proceso lento e natural.
-¿En que fontes se inspira á hora de escribir?, ¿esta O Grove entre elas?
-Sempre teño o mar presente, de feito o faro de Ons aparece na miña primeira peza publicada para adultos. Nas obras para nenos recorro a moitas cousas que me pasaron de pequena. Gústame xogar sobre iso, para transformar os demos e pantasmas da miña infancia.
-O teatro non só lle gusta para escribilo, tamén para levalo á escena e algo fixo neste terreo na súa vila ¿non?
-No ano 2003 dei clases de teatro e creamos unha peza con rapaces que agora están en primeiro da ESO e que, segundo me din, parece que gardan unha boa lembranza daquilo. Houbo moita implicación das partes e resultou moi ben.
-¿Ten algún proxecto deste estilo entre mans?
-Eu son contacontos, durante moito tempo me dediquei a contar historias por aí para os rapaces, e quero volver a facer algo diso, pero co teatro. Teño un proxecto para presentar.
-¿E vai ter repercusión no Grove?, seguro que algo anda preparando con Antón Mascato (concelleiro de Cultura).
-Espero que si. A verdade e que é unha persoa coa que se poden facer moitas cousas porque sabe o que quere e quere facelas. É unha persoa moi culta e moi activa.
-Volvendo aos libros ¿ten algún outro libro no ordenador ou na cabeza?
-Teño varias historias, unha para adultos e outra para o público infantil pero para iso faime falta recuperar o meu espazo e o silencio.