A «Royal Navy» colleu a sona, pero a ría recibía tamén as visitas dos mariños alemáns, que toleaban coas postais
13 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Chámanlles ingleses, pero se cadra poderían apelidarse alemáns coa mesma lexitimidade. Os vilagarciáns quedaron co alcume impreso por cincuenta anos de visitas da Royal Navy, camiño do Mediterráneo. Mais a británica non foi a única escuadra que escolleu a ría de Arousa para acougar de tanta misión bélica naqueles tempos revoltos que mediaron entre o devalo do século XIX e as dúas grandes guerras do XX.
Aquela foi a última etapa dourada das relacións marítimas e mercantís de Carril e Vilagarcía, que non por casualidade dispoñían de representación diplomática dunha decena de países: Portugal, Arxentina, Brasil, Chile, México, Uruguai, República Dominicana e as potencias europeas do momento, que axiña loitarían entre si polos seus intereses coloniais, Gran Bretaña, Francia e Alemaña.
Se o correspondente de El Eco de Galicia da época botou ben as contas, non hai dúbida de que os alemáns ofrecían unha fenomenal e desmedida fonte de negocio. Cando menos, para fotógrafos e outros profesionais da imaxe e a imprenta. «Durante la permanencia de la escuadra alemana en el puerto de Vilagarcía, ascendió diariamente el envío de postales por los marinos de la flota a 5.000 y pico, arrojando un total de 50.000 hasta su marcha». Isto escribía o home o 1 de agosto de 1909, engadindo que un só establecemento foi quen de vender 30.000 tarxetas. Era a consignataria Reboredo, que ademais exercía como consulado alemán, a que xestionaba as repostaxes dos buques xermanos en Arousa.
Este escenario mudou radicalmente a raíz da rebelión das tropas franquistas o 18 de xullo de 1936. Gran Bretaña, por exemplo, cortou os seus vencellos diplomáticos coa España denominada nacional, e así remataron de súpeto as visitas da súa Armada a Vilagarcía.
Os alemáns, fieis aliados de Franco na Guerra Civil, si proseguiron as súas estadías na ría. Hai constancia da arribada de seis destrutores teutóns en maio de 1939, apenas un mes despois da caída da República e a catro meses escasos da invasión de Polonia por Hitler, que desencadearía a Segunda Guerra Mundial en Europa. Houbo, segundo El Pueblo Gallego , brindes, himnos, brazos en alto como mandaban os tempos, copas de viño no Círculo Artístico e no Casino e un tren no que 400 mariños xermanos viaxaron a Compostela.