Os servizos de normalización apostan por «dignificar» a chata

La Voz

AROUSA

Entre as setecentas chatas mecas hai sitio para case todo; hainas cariñosas -Mi corasón, Mi vida, Presiosa- e as menos amables, que son as máis, entre as que atopamos, O Chulo, Tiñoso, Lajañoso, Quentacús, Mexón como exemplos menos escabrosos. Nun intento de clasificación poderían dividirse por topónimos: Cambadés, Xeveiro, Panxón, Castrelana, Palmeirana, Grañeiro, Portughés, Andalús, Habanero ou Paraghüero; por oficios servan de exemplos Moncho o Lavandeiro ou Paco O Ferreiro. Tamén hay alcumes vinculados aos deportes: Puskas, Futre, Amorrortu; polo carácter persoal: Juan Fughas ou Sepelín, e ata pola procedencia política; a Luis Rei, o ex concelleiro do BNG quedoulle o Trosko polo de troskista.

Das chatas non se libra case ninguén no Grove. Desde as personaxes máis populares como Maruja a Soca e Manolo o Majató ata médicos (Francisco Bea, o Pichela), mestres (Juan Domínguez o Teighiño) e alcaldes (Joaquín Álvarez o Potro e Alfredo Bea, o Masa).

O concelleiro Antón Mascato, que tamén ten as súas chatas ao lombo, é dos que reivindica a «dignificación» deste léxico lonxe «dunha pretendida modernidade na que pode soar antigo». «Dicir no Grove Pisallas, Mimí, Casolas, Calderilla, Cacharro, Güevas, Chiquitín ou Pirillo é referírmonos a persoas que son máis coñecidas por ese nome, caso de Juan, Moncho, Manolo Fernando, Servando, Suso, Ricardo ou Miguel, respectivamente», explica o edil.