O voceiro de EU repróchalle ao bipartito o seu afastamento das necesidades reais do pobo e postúlase como única alternativa
29 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Pouco hai de positivo no balance que fai Esquerda Unida sobre a xestión do bipartito vilagarcián.
-O balance que temos que facer é de decepción, porque o que se presentaba, aínda que non o formulasen así, coma un goberno de ruptura cos modelos seguidos por Gago non foi tal. O que detectamos é que este goberno está afastado das necesidades reais de Vilagarcía, enfrascado no que dúas persoas cren que é necesario, sen coincidir coa cidadanía. E un goberno desconectado da realidade non vale, é un goberno mentireiro e incumpridor.
-¿Mentireiro? Iso é duro.
-O primeiro exemplo é o señor Castro Ratón, que sempre apoiou Luz Salgada pero sen o polémico párking. Dito o 11 de maio do 2007, en plena campaña, igual cós socialistas, que dicían non estar de acordo tampouco. Mentiras descaradas en campaña, por iso é un goberno mentireiro. E incumpridor non só con EU, poderiamos facer unha lista, senón cos veciños, que é o que nos doe. Este goberno está deixando en pelota a centos de vilagarciáns ao incumprir a creación da comisión de seguimento das obras. Xa se viu o que sucedeu co tren en Rubiáns ou coa circunvalación norte, e agora veremos o que vai causar o novo camiño de ferro en Trabanca-Sardiñeira e en Bamio. A última, sintomática de por onde van, é a pretensión de eliminar o informe de Intervención previo aos pagos do Concello. Aquí quérese manga ancha, e a manga ancha levou ao anterior alcalde a vivir nun edificio que el mesmo legalizou.
-Fala vostede de dúas persoas enfrascadas. ¿Quen son?
-A alcaldesa non, dende logo. Refírome a Marcelino Abuín, que é o único concelleiro do grupo socialista, no sentido de que os demais van a ordes do xefe. É unha estrutura lícita, aínda que eu non a comparto e leva os problemas que leva. O outro responsable é Castro Ratón, que parece máis preocupado pola foto diaria que por presentar dunha vez ese modelo de cultura alternativo que tanto tempo nos vendeu. É o meirande bluf deste goberno.
-Algo de positivo verán vostedes nestes dous anos.
-A única cuestión que nos fai pensar que houbo un mínimo cambio é que levamos plenos sen que se trate de propoñer ningunha barbaridade urbanística. Pero iso que semellaba un cambio témolo ultimamente entre interrogantes, porque os criterios do PXOM que nos presentan, con párkings soterrados, e o que pretenden facer no porto...
-¿No porto?
-Refírome á urbanización do Ramal e o tren polo medio da cidade. Tamén nos preocupa que, nun momento no que se detecta que o modelo urbanístico expansivo xerou unha crise se precedentes, aquí se basee o plan nun crecemento exponencial da vivenda en Vilagarcía. Alguén non está entendendo nada e o goberno non é quen de reaccionar. Faltan reformas fundamentais na fiscalidade, porque paga o mesmo o millonario có traballador. Seguimos pensando que se confunde a acción social con beneficencia, esquécense servizos básicos e tamén compromisos electorais seus, coma o centro de día para maiores e unha residencia pública no canto desta vergoña de xeriátrico en mans privadas, que pide 1.000 euros para acceder a el.
-¿O pecado orixinal deste goberno é que vostedes non entraron nel?
-Era a única decisión que se podía tomar.
-Moitos non o entenderon.
-Si, houbo entón moitos votantes de EU que non o entenderon. Pero hoxe en día si. Non se pode entrar nun goberno sen un pacto sobre cuestións concretas. ¿Que pasaría se estivésemos aí e nos viñesen cun trágala coma o dos párkings de Luz Salgada? Teríamos que rachar o goberno, habería unha crise. Aquí falta, ademais, un xiro á esquerda.
-¿Non teme que ese xiro o que facilite sexa que o PP teña a alcaldía en dous anos?
-Non hai no PP compromiso coa cidadanía, nin coa actividade municipal, só co medre persoal dos seus concelleiros. Fole significa empeorar este modelo de monarquía. A única alternativa é que a cidadanía aposte por un voto maioritario a EU e un goberno liderado por EU. Dito isto, se hai desgaste é porque as cousas se fan mal. Se non, non habería desgaste posible.