Hoxe o Concello chega e paga, pero non hai moito as comisións suaban tinta para programar e recadar cartos
23 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Os anos 50 non foron, precisamente, a panacea da festa. A parte relixiosa das celebracións estaba garantida, con todo o apoio institucional do mundo. Mais recadar fondos para rodear as liturxias anuais dun programa laico que animase as rúas con algo máis que procesións e misas cantadas constituía unha tarefa pouco menos ca heroica.
Hoxe o Concello chega, paga e todos contentos. Pero daquela, e ata non hai tanto tempo, formar parte dunha comisión supuña un verdadeiro compromiso, no amplo senso do termo, con esa entidade inmaterial chamada festa patronal. Era un traballo permanente, constante e pouco agradecido. Todo o ano a darlle ao caletre, a visitar xente, a pedir contribucións pecuniarias, a vestir santos con feiras e verbenas. Quen apandaban eran xente coma Batalla, coma Roque Varela ou Antonio González, que levaron as comisións de San Roque e Santa Rita durante os 50 e comezos dos 60, e, xa nos anos 70, coma Alfonso Galbán, que tivo que pasar as súas. Andados os anos, aquel espírito infatigable xa só se mantén nas festas parroquiais, nos pequenos lugares.
As diferenzas, claro, van máis aló do funcionamento das comisións. En 1955, por exemplo, a véspera de Santa Rita serviu para estrear una feira anual de gando que, se hai que acreditar na prensa da época, pechouse cunha «extraordinaria y valiosa concurrencia de ganado, entre el cual destacaron reses vacunas de gran presencia y valía». Os pulpeiros tiveron traballo abondo, posto que «despacharon el sabroso plato hasta su agotamiento», narra o redactor, sen especificar se o que se esgotaban eran as provisións de cefalópodos ou as forzas dos vendedores, de tanto chuzar e cortar.
O núcleo do festexo chegaba, claro, ao día seguinte. Din as crónicas que había xente agardando na porta da capela ás sete da mañá. Nisto os contemporáneos imos por diante, xa que unha fonte fiable asegura que este venres, aló polas catro da madrugada, os fieis comezaban a chegar para coller sitio e asistir á misa cantada. A tradición impuña daquela a bendición e o reparto posterior das rosas de Santa Rita. As verbenas tiñan como escenario as rúas Arcebispo Lago e General Primo de Rivera. E realmente pouco máis se pode escribir porque, como recoñecía hai 54 anos o compañeiro de letras, «de esta magna manifestación de fe, cuanto digamos es pálido reflejo de la realidad». Non se pode expresar mellor. Boas festas.