O Arousa queda en mans de terceiros

AROUSA

As opcións de permanencia directa dos de Vázquez redúcense a un improbable triple empate a 41 puntos co Vilalonga e co Pontevedra B, e trunfos sobre Cerceda e Compos

05 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O buraco negro da Preferente incrementou o domingo a súa forza succionadora sobre a nave do Arousa, que deixou de depender dos seus propios motores para decidir o seu destino na Terceira División. Os homes de Pablo Vázquez non foron quen sequera de puntuar na complicada visita a un Narón que segue a loitar por acceder á fase de ascenso, e o seu pinchazo foi explotado polo Pontevedra B (0-2 en Santa Comba) e polo Portonovo (1-1 ante o Verín en Baltar) para retrasar o conxunto vilagarcián dous postos na clasificación e situalo penúltimo, en zona de descenso directo.

Nesta tesitura, e a falta de dúas xornadas de Liga, o Arousa xa non depende de si mesmo para eludir o descenso, con tres prazas fixas en virtude das normas da Terceira e unha cuarta que, de non ascender en xuño ningún equipo do grupo galego, virá dada polo fracaso do último proxecto do filial do Deportivo na Segunda B.

Os 6 puntos que separan hoxe o Vilalonga, quinto pola cola da clasificación, do Arousa fan que, por remota que semelle, aínda exista unha posibilidade de salvación directa para o cadro arlequinado. Unha ecuación que require da confluencia de, quizais, demasiados factores para acadar o resultado preciso. Pero o certo é que as matemáticas son ciencia exacta, e a posibilidade de que o Arousa manteña a categoría ao termo da derradeira xornada de Liga da Terceira está aí.

O camiño da permanencia do Arousa esixe en primeiro lugar, e como resulta obvio, que os homes de Pablo Vázquez sumen os 6 puntos que restan por xogarse. Primeiro, superando este domingo na Lomba a un Cerceda que precisa alomenos dun punto para asegurarse praza na fase de ascenso sen necesidade de agardar un pinchazo do Narón. Dobregar o día 17 a domicilio o campión, o Compostela, que antonte encaixaba aínda a súa terceira derrota en 36 xornadas de Liga, sería o seguinte paso.

En paralelo ao cumprimento da súa parte, o Arousa debería agardar a colaboración necesaria do Vilalonga e do Pontevedra B. Do primeiro precisaría sendas derrotas, este domingo cun Verín sen nada en xogo, e posteriormente en Ordes cun adversario co que hoxe figura empatado a 41 puntos, e que na derradeira xornada podería estar loitando por eludir a cuarta praza pola cola, a que ameaza con deixar un novo cadáver na Terceira galega. No tocante ao Pontevedra B, os de Pablo Vázquez terían que agardar a que o filial empatese ou lle gañase este domingo ao Portonovo na cidade do Lérez, e completase un balance de catro puntos na xornada de clausura, no campo do Verín.

Nun triple empate a 41 puntos nesta hipotética clasificación final, o Arousa remataría quinto pola cola ao sumar 7 puntos nos enfrontamentos directos entre os tres equipos implicados, froito das súas súas victorias sobre o Pontevedra B e o empate na segunda volta en Vilalonga. O cadro de Leis sería decimosétimo clasificado con 6 puntos logo de ter gañado un dos seus choques co Arousa e empatado os outros tres duelos do coeficiente de desempate, no que o filial capitalino tan só sumaría 2 puntos.

Sen descartar esta complicada combinación, o Arousa semella ter máis preto a posibilidade de rematar cuarto pola cola, e poder aspirar á salvación a través do ascenso dun dos representantes galegos na vindeira promoción á Segunda B. Gañar os seus dous partidos restantes antóllase igualmente preciso, pero mesmo un trunfo lle valería se o Pontevedra B non suma máis dun punto de aquí ao 17 de maio e o Portonovo non fai máis de dous. Cun triple empate a 38 puntos, e co Gran Peña con 37 ao sumo (a hipótese incluiría a igulada do Portonovo co cadro vigués na derradeira xornada de Liga) o Arousa remataría decimosétimo e pendente de sentenza o vindeiro mes.

Importantes baixas

O conxunto vilagarcián deberá apelar á épica este domingo coas importantes baixas por sanción de Miguel, Santos e de Luis Alberto. Este último tamén se perderá o choque co Compostela, ao cumprir o ciclo de cinco amonestacións e ter sido expulsado fronte ao Narón.