Os responsables do Club Baloncesto Río Ulla solicitáronlle o luns ao Colexio Arousán de Árbitros «a non designación do colexiado señor Leo García, para que non nos volte arbitrar ningún partido que disputen tanto o equipo sénior coma o resto das categorías do noso club». O motivo, «acusamos ao colexiado de persecución, provocación e falta de rigor arbitral con este club durante varios partidos desta tempada».
A gota que colmou o vaso da paciencia do Río Ulla, explican desde o club, «foi a súa actuación o pasado sábado no partido contra o Motobazar de Vilagarcía, que finalizou cun resultado de 55-54 para o noso rival». Desde o equipo de Pontecesures acúsase o colexiado dunha arbitraxe parcial na súa contra, con dúas técnicas no derradeiro cuarto que non entenden. «A primeira ao noso número 14 aínda non sabemos porqué. A segunda, por pitar falta ao noso número 5 que estaba a dous metros da xogada e dicir o xogador pero como me pitas a mí esa falta . Ademais sinalounos varias faltas que só puido ver el».