Preescolar na Casa e a biblioteca da Illa colaboran coa posta en marcha dunha «bebeteca» para os máis cativos
28 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Os libros tamén son para os máis cativos da casa. Incluso para eses cativos que aínda non saben ler. Esa é a lección que onte recibiron na biblioteca da Illa as nais que acudiron cos seus fillos á posta en marcha da «bebeteca». Guiadas por Luz Iglesias, unha das mestras do programa Preescolar na Casa, entraron cos seus pequenos no recinto dos libros, soltáronnos entre as almofadas e as sillas diminutas da sección de infantil, e observaron atentas as reaccións dos cativos. «Deixade que toquen, que vexan, que busquen entre todos os libros que hai aquí para eles», dicía Luz Iglesias. E os pequenos, sen lle prestar atención, iban ao seu, explorando un mundo máxico. Os que xa camiñaban con soltura sentáronse nunha mesiña e puxéronse a pasar as páxinas dos contos escollidos. Os que aínda non se sosteñen sentaron no chan, todos xuntos tamén, e miraron curiosos todo o que había ao seu redor.
«A idea -explicáballe Luz Iglesias ás súas nais- é que aos nenos hai que traelos á biblioteca. Ver as cores destes mobles, destes libros, e pasar as follas xa resulta estimulante para eles», argumenta esta monitora. «Por iso, igual que os levades ao parque, tedes que levalos á biblioteca». Especialmente cando é unha biblioteca como a da Illa, para a que Luz Iglesias tivo un calificativo especial: «Fantástica».
Responsabilidade
Pero levar aos cativos á biblioteca supón tamén unha serie de obrigas para os pais. «Isto non é nin unha gardería nin unha cafetería. Os nenos destas idades -de cero a tres anos- non poden estar moito tempo, e non poden estar sós», explica a monitora de Preescolar na Casa.
Aínda que no acto de onte non estivo a bibliotecaria de A Illa por motivos personais, deixou a súa impronta. Un díptico nos que as cariñas dos bebés asoman por todos lados explica que é a bebeteca: «Unha sección, dentro da biblioteca infantil, onde se poden atopar diversos materiais para que o bebé disfrute». Nela pódense atopar libros de plástico, de cartón, de todo tipo de formas e cores, cos que os nenos poderán empezar a pasar as páxinas da súa vida. Tamén hai deuvedés «para desenvolver o potencial creativo dos bebés e dos nenos pequenos, axudándolles a explorar o mundo que lles rodea a través da linguaxe, a poesía, a música e a arte».
Pero, ademais, a bebeteca é un intento por «proporcionar aos pais unha orientación sobre as primeiras lecturas dos nenos». Unha iniciativa que, a bo seguro, esperta o interese de todos aqueles que teñen na casa a un novo membro da familia.