Hai tempo que os éxitos do club Olimpic de Vilagarcía traspasan as fronteiras non só galegas, senón mesmo españolas. Francisco Padín emulou o seu compañeiro Raúl Bouzas, e coa camisola da selección galega regresou da súa concentración en Corea cunha prata no cuarto Open Internacional de Taekwondo do país asiático.
Padín caeu derrotado na final por un loitador coreano, despois de ter superado con anterioridade a un loitador ruso e a un kazaxo. Días antes, Raúl Bouzas acadara tamén o subcampionato do seu peso, perdendo igualmente cun taekwondista local.
Lúa Piñeiro tomou o domingo o relevo dos seus compañeiros do Olimpic, viaxando a Croacia coa selección feminina galega para participar nun torneo internacional.
Título galego júnior
Noutra orde de cousas, a canteira do club Olimpic de Vilagarcía sumou a pasada fin de semana un novo título ao seu estenso palmarés, despois de conquistar o título masculino por equipos no Campionato Galego Júnior.
O conxunto arousán acudíu á cita, celebrada o sábado pasado na localidade coruñesa de Sada, con nove loitadores, sete rapaces e dúas rapazas. No cadro masculino o título colectivo do Olimpic substentouse sobre os cinco metais individuais colleitados polos seus representantes.
Francisco Padín Oliveira, en peso pluma (menos de 55 quilogramos) e Jorge Chorén Lago, en peso medio (menos de 73) fixéronse co ouro. José Carlos Pereira Rebolo, en peso galo (menos de 51 quilos) e Cristian Gómez Fabello, en lixeiro (menos de 59) foron subcampións, e Alberto López Barreira, en peso pesado (máis de 78) rematou no terceiro chanzo do podio.