A RFEP apoiará cunha bolsa o plan de promoción das Torres

La Voz

AROUSA

As Torres-Romaría Vikinga vén de recibir un pequeno recoñecemento ao seu labor de base coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), a Federación Galega de Piragüismo, o Concello de Catoira e o propio club. Acordo que se sustancia na concesión dunha bolsa de 700 euros mensuais por parte da RFEP para a contratación dun técnico-coordinador do programa de promoción deportiva das Torres. Concretamente, para potenciar o perfeccionamento e a tecnificación dos deportistas locais que poidan ter un futuro na alta competición.

A axuda federativa compleméntase cunha segunda partida de 700 euros para o mesmo fin procedente das arcas municipais, que o Concello ten activada xa desde hai tempo.

O As Torres designará o técnico beneficiario da bolsa, comprometéndose a facer campañas de divulgación do piragüismo e a poñer os medios para que os palistas do programa participen nas regatas da Liga Nacional.