O mar que xa nunca será

AROUSA

A relación entre Vilagarcía e a ría ficou comprometida polos recheos portuarios que nunca deberon ser

16 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Houbo un tempo no que Vilagarcía puido aspirar a dispor dunha praia case ininterrompida entre Carril e Vilaxoán. Aquela imaxe comezou a esvaecer, primeiro, coa construción da estrada litoral pola Comboa. E desapareceu definitivamente co inicio dos recheos portuarios, a partir da substitución do antigo peirao de ferro polo peirao de Pasaxeiros.

A razón desta mudanza ten a súa base no mal estado que rematou por ter a antiga estrutura e os elevados custes empregados no seu mantemento. Ao longo de sesenta anos, investíranse nesta tarefa sen remate dous millóns das antigas pesetas, catro veces máis do que custara a súa construción.

O proxecto de substitución foi presentado en 1946 e, segundo informa o historiador Manuel Villaronga no segundo tomo de Vilagarcía e o mar: Historia do Porto, as obras debían rematar a súa execución en 1952. Porén, sucesivos retrasos prolongaron os traballos nada menos que ata 1964.

O cambio do peirao de ferro marcou a fin da antiga fachada marítima da capital arousá. Na teima de procurar calados na zona máis inaxeitada, o Porto foise comendo a antiga baía para acabar por dar lugar ao que hoxe é a explanada TIR.

En realidade, os bos calados, a meirande profundidade, atopábase cara o sur, cara a Vilaxoán. Hoxe o Porto medra aló, en Ferrazo. Daquela fíxoo ao revés e Vilagarcía cambiou para sempre. Cousa de memoria.